O vindeiro xoves 8 de setembro a Peacock estreará Last Light, unha nova série limitada post-apocalíptica que promete achegar-nos unha história que nos nosos tempos non semella ser do todo improbábel.
A série, baseada no libro supervendas homónimo de Alex Scarrow, conta con cinco episódios de 45 minutos cadaún, e vai sobre como o mundo enteiro entra no caos e o afundimento da civilización cando o subministro de petróleos cúrta-se. O seu protagonista, un petroquímico chamado Andy Nielson, está de visita ao Oriente Médio e debe atopar o camiño de volta á súa familia, espallada por toda Europa nese intre, todo mentres tenta esclarecer quen está atrás do caos e por que decidiu causa-lo.
O elenco de protagonistas está formado por Matthew Fox (Jack Shephard en Lost), Joanne Froggatt (Downton Abbey), Alyth Ross (Traces, Emerald), Taylor Fay (Judge Rinder, The Making of Alex), Amber Rose Revah (The Punisher), Victor Alli (Belfast, Grantchester), Tom Wlaschiha (Game of Thrones) e Hakeem Jomah (Rashash, Kidnap).
Dennie Gordon dirixe os cinco episódios, e a produción executiva corre a cargo do mesmo Gordon, Fox, William Choi, Sydney Gallonde, Rikke Ennis, Patrick Renault, Diego Piasek, Patrick Massett e John Zinman.
Scarrow é mais coñecido polos fans do xénero grazas á súa série de ciéncia-ficción para adolescentes TimeRiders, pero os thrillers históricos mesturados con elementos fantásticos non lle son alleos, porque a súa carreira, que por certo inclúe unha banda de rock, o deseño gráfico e os videoxogos, comezou precisamente co éxito A Thousand Suns, ambientado na Segunda Guerra Mundial.