Astérix sobrevivirá ao seu creador

0
219

asterix2As histórias de Astérix o galo sobrevivirán aos seus creadores, posto que a editorial do popular personaxe do cómic confirmou que hai permiso de Albert Uderzo, o seu debuxante, que ten 81 anos, para as continuar após da sua morte.

A información xa circula nas publicacións especializadas en cómic en Franza, onde a nova saltou este venres cando o semanário especializado Livres Hebdo revelou que Uderzo autorizou a continuación das aventuras do guerreiro galo e de Obélix, o que confirmou a sua editorial horas mais tarde.

Albert-René, a editora das histórias de Astérix, recoñeceu que hai acordo para que éste sobreviva ao último dos seus criadores ainda vivo – René Goscinny, o guionista, faleceu en 1977 – se así o desexa o primeiro grupo editorial galo, Hachette Livre, quen mercou o 60% do capital daquela o mes pasado.

Os meios de comunicación galos fixeron-se eco decontado da notícia, que significa que o pequeno e bravo guerreiro, símbolo do carácter francés na sua incansábel resisténcia aos invasores romanos, continuará vivo, co permiso dun dos seus pais.

Uderzo, que é de orixe italiana, naceu na localidade francesa de Fismes o 25 de abril de 1927 e tomou o seu alcume dunha aldea italiana chamada Oderzo, de onde procedia a sua família. En 1940 descobriu o cómic e comezou a debuxar na revista Junior ainda que a sua carreira comezou realmente en 1944 cando cria o seu primeiro cómic, Flambergue.

Posteriormente coñeceu a Goscinny e, en 1949 comezou a sua colaboración; en 1951 Goscinny e Uderzo crearon un das primeiras personaxes co que comezaron a destacar, o pirata Jehan Pistolet. En 1959 ambos se converteron en editor e director artístico respectivamente dunha nova revista para nenos maiores chamada Pilote, que se inaugurou con duas das séries mais importantes de banda deseñada, Tanguy et Laverdure e Astérix.

Esta última contaba as divertidas histórias dun pequeno guerreiro galo e o seu inseparabel amigo Obélix e a série converteu-se ao longo dos anos nun absoluto éxito de vendas, tanto que convenceu a Uderzo a abandonar todas as demais séries para se adicar só a este personaxe. Dous anos despois da morte de Goscinny, Uderzo fundou a editorial Albert-René, na que publicou novas histórias e o célebre personaxe protagonizou várias versións cinematográficas, tanto de debuxos animados coma con actores reais.

Precisamente fai un ano, a última entrega das aventuras cinematográficas, Astérix e Obélix nos Xogos Olímpicos, converteu-se nun auténtico éxito en Franza, onde se alzou coa calificación do filme mais caro da história neste país.