A franquía de Star Trek xa foi levada ao mundo do cómic en non poucas ocasións (Marvel, DC, Malibu, entre outras), pero nesta ocasión é a nova Star Trek: Lower Decks, a série de comédia en debuxos animados, a que será adaptada aos cadriños a partir do 14 de setembro.
O gañador do prémio Eisner Ryan North (responsábel de The Unbeatable Squirrel Girl) narrará as aventuras da tripulación do USS Cerritos nunha expedición planetária para construír pontes e obtér recursos tecnolóxicos para a Federación, mentres outros se divirten na holocuberta e se toman un descanso, que será interrompido por un violento visitante.
Un par de portadas para o primeiro número, editado pola IDW, amosa aos protagonistas Brad Boimler, Beckett Mariner, Samantha Rutherford e D’Vana Tendi mentres se preparan para a unha nova aventura, mentres que na capa alternativa ve-se a Mariner após de cometer un pequeno fallo co vestiário de Boimler.
North conta cunha ampla experiéncia adaptando debuxos animados ao cómic. Con anterioridade versionou a série Adventure Time, obtendo con ela un prémio Eisner, pero antes diso encargára-se das séries Jughead e Dinosaur Comics. Ademais, escribiu as guías How to Take Over the World: Practical Schemes and Scientific Solutions for the Aspiring Supervillain e How to Invent Everything: A Survival Guide for the Stranded Time Traveler, e mesmo adaptou ao cómic a clásica novela Slaughterhouse Five de Kurt Vonnegut.
Pola súa banda, a terceira tempada de Star Trek: Lower Decks chegará ás nosas pantallas no terceiro cuarto de 2022 e constará de 10 episódios, que en Galiza se poderán seguir en Amazon Prime Video.