Os Duffer comprométen-se coa Netflix

639

A Netflix e os creadores de Stranger Things, Matt e Ross Duffer, continuarán traballando xuntos en novos proxectos, e a nova produtora da parella, a Upside Down Pictures, ven de bosquexar os seus plans para várias ideias de alto perfil.

Unha delas será unha série de acción real que adaptará o célebre manga xaponés Death Note, sen relación co filme de acción real de Adam Wingard de 2017 que non fora moi ben recibido polos fans. O manga, unha versión totalmente nova do material orixinal do guionista Tsugumi Ohba e o debuxante Takeshi Obata, vai sobre un rapaz que atopa un caderno negro que lle dá o poder de matar a quen queira, con tan só apuntar o seu nome nel.

Tamén está en marcha a adaptación da clásica novela de Stephen King e Peter Straub The Talisman de 1984, que leva moito tempo en preparación. O coprodutor executivo de Stranger Things Curtis Gwinn está tamén a bordo desta adaptación da história, que vai sobre un neno que viaxa entre New Hampshire e un mundo alternativo chamado “os Territórios” para obtér un artefacto que salvará a vida da súa nai. A Amblin Entertainment e a Paramount Television encargarán-se da produción neste caso.

Ademais, os irmáns Duffer confirman outros tres proxectos: unha obra de teatro dirixida por Stephen Daldry e ambientada no mundo e a mitoloxía de Stranger Things, un spin-off da mencionada série, e outra série orixinal do dúo responsábel de Dark Crystal: Age of Resistance, Jeffrey Addiss e Will Matthews.

Os cinco proxectos están actualmente en fase de desenvolvemento e serán producidos pola Upside Down. Todos forman parte dun acordo global por riba dos dez millóns de dólares que asinaron coa Netflix en 2019, e no que se inclúe por suposto a quinta e derradeira tempada de Stranger Things, que xa se anunciara o pasado mes de febreiro.