Os ex-protagonistas de Daredevil, Charlie Cox e Vincent D’Onofrio, retomarán os seus papeis en Echo, a próxima série da Marvel Studios, que está a se rodar arestora en Atlanta.
Echo segue as aventuras de Maya Lopez (Alaqua Cox) quen apareceu por primeira vez na série da Disney+ Hawkeye, na que ademais se veu a D’Onofrio regresar ao papel de Kingpin que interpretara en Daredevil na Netflix, facendo unha espécie de pai substituto para Maya.
Cox, pola súa banda, xa retomara o seu papel de Matt Murdock/Daredevil brevemente no filme Spider-Man: No Way Home do ano pasado. Seica Echo incluirá unha liña argumental na que Daredevil busca a unha antiga aliada, e o podcast The Weekly Planet informa que esa aliada podería ser Jessica Jones, a quen Krysten Ritter interpretou na série de seu na Netflix.
En Echo, Maya verá como a súa vida en New York como líder dun grupo de delincuentes acaba por lle pasar factura e regresa á súa vila natal para se conectar de novo coas súas raíces índias americanas. Zahn McClarnon, Chaske Spencer, Tantoo Cardinal, Devery Jacobs, Cody Lightning e Graham Greene coprotagonizan a série que ten prevista a estrea para o ano que ven.