A Marvel desvela os seus plans

585

A Marvel Studios ven de presentar por fin o remate da era actual do seu Universo Cinemático. Mentres que as tres primeiras fases foron a Infinity Saga, as fases 4 á 6 serán a Saga do Multiverso.

A actual Fase 4 rematará coa agardada Black Panther: Wakanda Forever, a estrear en novembro deste ano, e no decurso dunha conferéncia na Comic-Con de San Diego a compañía pasou todo o sábado amosando os seus plans para a Fase 5, que comezará a partir de febreiro de 2023 e até xullo de 2024.

Este é polo de agora o calendário de estreas confirmadas:

  • 17 de febreiro de 2023: Ant Man & The Wasp: Quantumania
  • Primavera de 2023: Secret Invasion
  • 5 de maio de 2023: Guardians of the Galaxy Vol. 3
  • Verán de 2023: Echo
  • Verán de 2023: Loki (2ª tempada)
  • 28 de xullo de 2023: The Marvels
  • 3 de novembro de 2023: Blade
  • Outono de 2023: Ironheart
  • Inverno de 2023/24: Agatha: Coven of Chaos (novo título de Agatha Harkness)
  • Primavera de 2024: Daredevil: Born Again
  • 3 de maio de 2024: Captain America: New World Order
  • 28 de xullo de 2024: Thunderbolts

Daredevil: Born Again será unha série de 18 episódios nos que regresarán Charlie Cox coma Daredevil (xa o veremos antes en She-Hulk) e Vincent D’Onofrio coma Kingpin.

En Secret Invasion veremos a reaparición da axente de S.H.I.E.L.D. Maria Hill (Cobie Smulders) e de War Machine (Don Cheadle).

Para Ant Man & The Wasp: Quantumania debemos agardar a Jonathan Majors no papel de Kang, así coma a aparición de MODOK. O polémico Bill Murray terá ademais un papel no filme.

Na terceira entrega da saga de Guardians of the Galaxy veremos a Will Poulter no papel de Adam Warlock, así coma algúns flashbacks do bebé Rocket. James Gunn confirmou que esta será a derradeira película con estes persoaxes e que será a mais emocioante de todas. Chukwudi Iwuji será o High Evolutionary, o supervilán do filme, e Maria Bakalova será Cosmo o can espacial.

Noutras novas mais breves, a rodaxe de Blade comezará en outubro, Captain America: New World Order será a primeira película con Sam Wilson no papel do Capitán América, mentres que se anunciou que Thunderbolts pechará a quinta fase no universo cinemático, pero non no tocantes ás séries.

Pola súa banda, a Fase 6 irá dende outono de 2024 a novembro de 2025 e consistirá en once proxectos, dos cales xa deron a coñecer tres: Fantastic 4 rodará-se o ano que ven e estreará-se o 6 de novembro de 2024, lanzando deste xeito a nova fase. Avengers: The Kang Dynasty estreará-se o 2 de maio de 2025 e Avengers: Secret Wars o 7 de novembro do mesmo ano, pechando así a Fase 6 e a Saga do Multiverso. Os irmáns Russo, por certo, non continuarán vencellados aos Vingadores.

Polo de agora non houbo mención a outros proxectos rumoreados e que se espera que cheguen nalgún intre: Deadpool 3, The Mutants, a secuela de Shang-Chi e outra entrega de Spider-Man.

Sen incluír as séries de debuxos animados coma What If e algúns especiais, seica a Saga do Multiverso consistirá ao cabo en 37 traballos. A Fase 4 foron 7 películas e 7 séries. A Fase 5 serán 6 filmes e 6 séries, e a Fase 6 serán 11 proxectos, dos cales polo menos 3 serán películas.