Lower Decks paséa-se polo universo Trek

170

Dúas das novas séries da franquía de Star Trek van ter un crossover, que se revelou onte no decurso da Comic-Con de San Diego, pero este vai ser un pouco distinto ao que se podería agardar: algúns membros do elenco da série de debuxos animados Star Trek: Lower Decks aparecerán na série de acción real Star Trek: Strange New Worlds.

Os actores Tawny Newsome e Jack Quaid, que interpretan respectivamente aos alféreces Beckett Mariner e Brad Boimler en Lower Decks, entraron nun panel no que Anson Mount, o capitán Pike en Strange New Worlds, revelou as novas.

Seica tanto Newsome coma Quaid interpretarán aos seus persoaxes en forma de acción real nun episódio da segunda tempada de Strange New Worlds, cuxa produción rematou hai pouco, e retomarán as súas formas animadas nalgún intre desta aparición.

Aínda non está nada claro como vai acontecer isto, e non só polo que implica de converter aos persoaxes da série de debuxos en persoas reais, e logo pasa-las de novo a debuxos animados, senón porque hai unha diferéncia temporal considerábel entre as dúas séries: Strange New Worlds ten lugar ao redor do ano 2260, mentres que a acción de Lower Decks acontece 120 anos despois, en 2380. O único seguro polo de agora é que Jonathan Frakes dirixirá este peculiar episódio.

Por certo que onte tamén se soubo que Paul Wesley volverá a aparecer coma James T. Kirk nesta segunda tempada, para a que aínda deberemos agardar até 2023. E mentres tanto, a terceira tempada de Star Trek: Lower Decks, cuxo tráiler está xa dispoñíbel, chegará xa o vindeiro 25 de agosto, e vários persoaxes de Star Trek: Deep Space 9 aparecerán nela.