Eragon podería regresar ás pantallas

203

A Disney+ está a desenvolver unha nova série con acción real baseada na saga de novelas supervendas para adolescentes The Inheritance Cycle, que o escritor Christopher Paolini publicou a partir de 2002.

O mesmo Paolini sería o guionista da série, da que Bert Salke será produtor executivo no nome da súa compañía, a Co-Lab 21, e coa 20th Television producindo.

The Inheritance Cycle narra a história dun rapaz granxeiro chamado Eragon que descubre un óvo, do que sae un dragón ao que chama Saphira. Grazas ao lazo que os une e coa axuda do seu mentor Brom, Eragon convérte-se nun xinete de dragóns, unha antiga orde da que se coidaba que fora destruída había moito tempo polo malvado rei Galbatorix. Eragon e Saphira tentarán derrotar a Galbatorix e ceibar ao mundo de Alagaësia da súa tiranía.

Eragon, a primeira novela da cuatriloxía, foi auto-publicada en 2002, e recibiu tanto éxito que a editorial Knopf publicou-na de novo en 2003. Á primeira parte seguíron-lle Eldest en 2005, Brisingr en 2008 e Inheritance en 2011. A saga completa vendeu mais de 41 millóns de cópias en todo o mundo.

De saír adiante o proxecto, non sería a primeira vez que Eragon é adaptado ás pantallas. O libro foi versionado con anterioridade nun filme co mesmo título en 2006, que protagonizaron Ed Speleers, Rachel Weisz, Jeremy Irons e John Malkovich. A película foi amplamente rexeitada pola crítica, mália o que obtivo uns ingresos de 250 millóns de dólares nos despachos de billetes contra un orzamento inicial de 100 millóns. En 2021, os fans da saga comezaron unha campaña na rede social Twitter, usando o hashtag #EragonRemake e tentando que a Disney producira unha série.

Eragon podería deste xeito converter-se na mais recente das adaptacións ás pantallas de novelas para adolescentes que leva a cabo a Disney. Nestes intres está a se rodar unha versión da saga Percy Jackson, do escritor Rick Riordan, con Walker Scobell de protagonista.