A nova Quantum Leap da NBC, a série de ciéncia-ficción que está a médio camiño entre reinício e secuela da clásica dos anos 90, ven de ser obxecto dalgunhas novidades, e todo cando aínda están a rodar o seu episódio 4.
Martin Gero é o novo showrunner, substituíndo no posto a Steven Lilien e Bryan Wynbrandt, que escribiron o episódio piloto e que continuarán a bordo coma produtores executivos. E ademais, o guionista de The Manchurian Candidate e Meg, Dean Georgaris, entra tamén coma produtor executivo.
Gero, quen está na equipa creativa da série dende a súa etapa de desenvolvemento, é un showrunner con ampla experiéncia no xénero, e entre os seus cretos cómpre salientar Blindspot, Dark Matter ou Stargate: Atlantis.
Polo de agora se levaban rodados tan só tres episódios, incluíndo o piloto. Seica a NBC non estaba totalmente satisfeita co devandito piloto, que agora pasará a se emitir coma capítulo terceiro, e farán ún novo para substituí-lo. Por outra banda, a canle está “contenta creativamente co que están a ver“, segundo fontes internas, e as novas incorporacións traerán experiéncia a unha produción que está a amosar ser mais difícil do agardado.
Thor Freudenthal, responsábel dos episódios piloto de La Brea e Carnival Row, dirixirá o novo episódio piloto. Raymond Lee, Ernie Hudson, Caitlin Bassett e Nanrisa Lee son os seus protagonistas, e a estrea continúa prevista para o 19 de setembro.