O realizador responsábel de Shang-Chi and the Legend of the Ten Rings, o hawaiiano Destin Daniel Cretton, será o director de Avengers: The Kang Dynasty, a quinta entrega dos Vingadores e a primeira das dúas películas que están xa na grella da Marvel.
O proxecto fora anunciado o sábado pasado no decurso da Comic-Con de San Diego, pero sen indicar quen o faría. O anterior filme de Cretton para a Marvel, Shang-Chi and the Legend of the Ten Rings, recadou 432 millóns de dólares en todo o mundo e foi unha das películas mellor recibidas da actual cuarta Fase. Após dese éxito, asinou un contrato para continuar traballando en mais filmes.
Polo de agora aínda non está claro quen escribirá o guión ou que heroes aparecerán nas pantallas, e haberá que agardar aos acontecementos que se desenvolverán ao longo das fases 5 e 6. En todo caso, este filme debe pechar a Fase 5 e conta xa cunha data fixa de estrea: o 2 de maio de 2025.
A Marvel pechará a Fase 4 con Black Panther: Wakanda Forever en novembro e arrincará a Fase 5 con Ant-Man and the Wasp: Quantumania, que dirixe Peyton Reed e que se estreará en febreiro do ano que ven. Alí veremos por primeira vez ao novo superfalcatruán Kang (Jonathan Majors) nas pantallas do cinema, despois de que aparecera no derradeiro episódio da primeira tempada da série Loki.
O que estas novas significaran para o calendário de traballo de Cretton, no que figuran unha série de acción real con Wonder Man e mais a secuela de Shang-Chi, non está claro.