R.I.P. Nichelle Nichols

1339

A lendária Nichelle Nichols, Nyota Uhura na série orixinal Star Trek, morreu onte aos 89 anos de idade por causas naturáis, segundo ven de informar o seu fillo Kyle Johnson na súa páxina de Facebook. No comunicado, Johnson dixo: “A súa foi unha vida ben vivida e coma tal un modelo para todos nós“.

Nichols gañou fama e respecto en todo o mundo grazas á súa interpretación da tenente Uhura na série orixinal de Star Trek, que repetiu na súa secuela en debuxos animados e ao longo de seis filmes no cinema, pero ademais entre os seus cretos cómpre incluír outros programas coma Heroes e Futurama. Ademais, traballou coa NASA nos anos 70 e 80 para dar a coñecer a ciéncia entre o público, especialmente entre as minorías.

A súa participación en Star Trek foi pioneira porque até daquela a inclusión de persoaxes femininos negros na televisión americana era case inexistente.

Nacida co nome de Grace Dell Nichols en 1932 nun suburbio de Chicago, os seus pais foron un traballador dunha fábrica e mais unha ama de casa. A súa carreira comezou en 1961 nun musical que atraíu a atención de Hugh Hefner, o dono da revista Playboy, e en 1964 traballou con Gene Roddenberry, con quen ademais tivo un breve romance, na série The Lieutenant antes de recibir o encargo de interpretar o seu papel en Star Trek a partir de 1966.

Durante o primeiro ano da série, Nichols quixo deixa-la porque quería continuar a súa carreira en Broadway, pero após dunha conversa con Martin Luther King Jr. mudou de opinión. Seica King animou-na persoalmente a seguir en Star Trek dicíndo-lle que el mesmo era un fan e que non podía render-se porque estaba a interpretar un modelo vital para os nenos e mozos negros de todo o país.

Nichols publicou ademais dous álbums de música. Down to Earth é unha escolma editada en 1967 durante a xeira orixinal de Star Trek, e Out of This World, de 1991, está mais orientado ao rock e o seu tema é Star Trek e a exploración espacial. Ademais, cantou coa orquestra de Duke Ellington e con Lionel Hampton, e no seu papel de Uhura, cantou canzóns nos episódios Charlie X e The Conscience of the King.