Tal e coma se agardaba, o defunto Heath Ledger gañou o prémio ao millor actor secundário na gala dos Globos de Ouro celebrada o domingo en Beverly Hills, Califórnia, pola súa diabólica representación do Joker no filme superéxito Batman O Cabaleiro Escuro.
Este prémio fai que as posibilidades de Ledger de gañar o Oscar ao Millor Actor Secundário se disparen cara ás nominación para as estatuíñas da Académia de Hollywood, que se darán a coñecer este día 22, precisamente o aniversário da morte accidental do actor por mor dunha sobredose de drogas.
O prémio do Globo de Ouro foi recollido polo director de O Cabaleiro Escuro Christopher Nolan, que dixo que tanto el coma os seus colaboradores estaban abraiados polo grande éxito do filme e pola aclamación da interpretación de Ledger en todo o mundo.
Entre os outros gañadores do xénero fantástico estiveron WALL-E, que levou o prémio á millor película de debuxos animados. O director Andrew Stanton agradeceu o prémio á produtora, Pixar Animation, e mais á distribuidora, a Walt Disney, decindo que a história de amor que se debuxa no filme entre dous robots comunicada con asubíos e chasquidos “non podía ser feita por ninguén mais“.
Anna Paquin, pola súa banda, gañou o Globo de Ouro á millor actriz nunha série de televisión dramática polo seu papel coma protagonista de True Blood.