Batgirl directa ao cubo do lixo

762

A Warner Bros. Pictures ven de abraiar á indústria do cinema cunha decisión que ninguén agardaba: o filme Batgirl, que xa estaba rodado e que custou 90 millóns de dólares, non se estreará ningures: nin en plataformas de streaming, nin vídeo baixo demanda, nin en salas de cinema. A mesma sorte correrá Scoob!: Holiday Haunt, unha continuación do filme de debuxos animados de 2020 Scoob!, que custou outros 40 millóns.

Os protagonistas do filme Batgirl foran Leslie Grace coma Batgirl/Barbara Gordon, J.K. Simmons coma o comisário Jim Gordon, Brendan Fraser coma o vilán Firefly e Michael Keaton, que regresaba ao seu emblemático papel de Batman/Bruce Wayne que protagonizou nos anos 90.

O descarte de Batgirl é unha verdadeira sorpresa, porque o proxecto estaba rematado dende había meses, cos directores Adil El Arbi e Bilall Fallah encargados da post-produción e xa facendo probas de pantalla, que segundo a Warners non ían ben, polo que decidiron andar sen tentos e curtar polo san. Os estudos insisten que a decisión se debe ao seu desexo de que todas as películas da DC sexan superproducións, e que Batgirl contaba cun orzamento só para telefilme, deseñado para saír directo á HBO Max.

Nombergantes, un informe de seguimento da revista Variety suxire outro tipo de motivos: a dedución de impostos. Batgirl foi aprobada e realizada baixo o réxime fiscal anterior da Warners, antes de que a nova Warner Bros. Discovery e mais o seu director xeral David Zaslav tomaran o mando esta primavera.

Co descarte de Batgirl e mais a secuela de Scoob!, a Warners asegúra-se unha dedución de impostos en ambas películas. Dende o punto de vista financeiro, isto lles permitirá recuperar os custes, pero ao mesmo tempo, non poderán rendibilizar ningunha das dúas, polo que non se poderán estrear en streaming nin vende-las a outro estudo.

Dado que a Warners foi vendida á Discovery o ano pasado, a oportunidade de levar a cabo a devandita manobra contábel remataba a mediados de agosto, polo que non se agarda que outros filmes corran a mesma sorte porque a fiestra de oportunidade se pecha axiña.