Natureza Brutal contra o império español

224

A IDW Entertainment ven de anunciar que cinco dos seus títulos de cómic están en desenvolvemento para facer séries de televisión baseadas nos mesmos, e entre elas se atopa Brutal Nature, que producirá a compañía mexicana Ánima Studios.

O cómic orixinal, unha triloxía creada polos arxentinos Luciano Saracino (guionista) e Ariel Olivetti (debuxante), publicou-na a Utopía Editorial baixo o título de Ich ao longo de 2015 e vai sobre unha colección de máscaras que transforma ao mozo Ich en innumerábeis bestas e monstros diferentes. Utilizando este antigo poder, o mozo entra na batalla que enfronta aos indíxenas de Colómbia contra o invasor império español.

A série de debuxos animados será producida por Fernando de Fuentes e José C. García de Letona xunto á equipa da IDW. Segundo García de Letona, “Brutal Nature axudará-nos a seguir construíndo histórias de alta calidade cunha sensibilidade latina que poidan ser aproveitadas en todo o mundo e non podemos pensar nun mellor parceiro para o acadar“.

Entre os proxectos mais salientábeis da IDW Entertainment están Locke & Key da Netflix, baseada na serie de cómics de Joe Hill e Gabriel Rodríguez, así coma a próxima aventura de pantasmas Surfside Girls que emitirá a Apple+. Pola súa banda, Ánima está especializada en animación 2D e gráficos xerados por computadora, e o seu grande vindeiro proxecto será Aztec Batman: Clash of Empires, a estrear ao longo de 2023.