Estimado cidadán!
Benvido á primeira enquisa presentada ao público polo presidente da Axéncia de Consultores Pythia, Pythia Algo-Sabedoría en persoa, e apoiada polo Primeiro Ministro de Turquelas, o señor Canaan Mitsondreou. Esta enquisa é da máxima importáncia xa que determinará o establecemento deste sistema de votación ou o seu inmediato remate.
Dende a introdución da versión 0.1 de Pythic no Parlamento, durante o primeiro ano da presidéncia do señor Mitsondreou, compráce-nos o rexistro dun aumento do 21% nas vendas de exportación, un aumento do 32% na afluenza turística e un aumento do 13% no PIB. Turquelas describe-se coma o país con maior crecemento económico do século XXI.
Pero, por que o software de Pythic é diferente de calquera sistema ordinário de enquisas con IA realizado a través do seu implante? Afirmar que todas as enquisas son iguais é tan inexacto coma afirmar que todos os comportamentos humanos son iguais. De feito, as enquisas son meras plataformas e a súa eséncia reside nas preguntas promovidas e no cerebro que as xera.
Aquí é onde entra en xogo Pythia. Coa súa destreza procesual, a súa capacidade analítica de última xeración e a súa extraordinária capacidade de autoaxuste, Pythia -a primeira Algo-Sabedoría que participa en asembleias parlamentares- é capaz de formular as preguntas axeitadas de forma sinxela, precisa e directa. Ademais, Pythic 1.0 aproveitará a súa participación ofrecéndo-lle unha comunicación directa con Pythia, de xeito que poderá enviar as súas peticións a través do seu implante en vários formatos: mediante cuestionários de opción múltiple, texto plano ou pensamento directo. Pythia responderá con prontitude e encargará-se de clasifica-las, procesa-las e elabora-las en forma de enquisas para futuras sondaxes.
Pythic 0.1 agudizou os reflexos de decisión dos ministros. A asertividade pode ser un dos seus benefícios, pero o noso obxectivo final na Axéncia de Consultores Pythia segue a ser amplificar a voz do povo. E chegou o momento de que todos os cidadáns a aproveiten.
No nome de Pythia, grazas de antemán pola súa confianza.
Ver as táboas.
Lér mais.
Por favor vote:
[ ] Si! Gostaría tomar parte no governo do meu país usando Pythic 1.0 e as súas conseguintes actualizacións.
[ ] Non! Pythic debería ser un recurso dispoñíbel soamente polo parlamento.
#
Estimado cidadán!
A oportunidade de probar que Pythic 1.0 é a elección axeitada, apoiada por un inmenso voto de confianza do 58%, sinifica que a visión de converter a todo o mundo nun Primeiro Ministro é compartida pola maioría dos cidadáns turcohelénicos.
Por favor revise os seguintes temas:
1. Subvención ás institucións que investigan plantas bio-modificadas para construción e aplicacións plásticas. Lér mais.
2. Descriminalización do cannabis e taxación das drogas brandas. Lér mais.
3. Suba do salário mínimo. Lér mais:
Tras a súa profusa resposta ao chamamento de Pythia e os excelentes resultados económicos da aplicación do software Pythic 1.0, é evidente que un aumento do 3% (de 380 a 391 Cosmos) no salário mínimo resultaría beneficioso para o tecido social turcoheleno, segundo determinou o Instituto de Investigación Pythia (I.I.P.)
Ver as táboas.
Por favor, vote:
[ ] Si! Coido que as clases baixas merecen unha paga mellor.
[ ] Non! As clases baixas están ben pagadas.
Lea a listaxe completa.
#
ATENCIÓN: SPAM I-MAIL. POSÍBEL VIRUS COMPROMETENDO A INTEGRIDADE DO IMPLANTE. PODE AFECTAR Á ESTABILIDADE COGNITIVA DO RECEPTOR. POSIBILIDADE DE DANO CEREBRAL! NON FAGA CLIC.
Estimado amigo, coidado!
Nunca antes unha máquina ameazara de xeito tan inminente con escravizar á humanidade. Este demo arteiro e cuspidor de mel dun algosap estende as súas poutas a todos os cidadáns de Turquelas, prometendo aliviar as feridas inflixidas polo bastón capitalista durante séculos á clase traballadora. Debemos dete-lo. Agora ve-se que o señor Mitsondreou non se conformou con vender a súa alma só a Satanás; tivo que engadir tamén as almas do noso povo no atroz pacto…
Lér mais.
#
Estimado cidadán!
A eterna loita cara ao obxectivo final dunha Turquelas totalmente governada polo povo segue ampliando o abano de categorías de voto en tal magnitude que o grande número de opcións que se ofrecen axiña podería supor unha ameaza sen precedentes de sobrecarga de información.
Aínda que Pythia non carece da capacidade procesual para segregar entre o volume de temas, o comezo do estreitamento do espectro de decisións dunha Algo-Sabedoría podería comprometer o grao de confianza na natureza democrática de Pythic 2.0, en canto á promoción da igualdade, a xustiza social e a defensa dos intereses das minorías. Ao cabo, a nosa visión abrangue a participación do povo en cada paso do proceso de toma de decisións.
Así pois, antes de que sobrecargue o seu implante, sumido na lama de incontábeis opcións de votación, gostaría-nos presentar unha innovadora ferramenta de peneirado de enquisas para aumentar a actualización de Pythic 2.0: Fimonoe 1.0.
Fimonoe 1.0 é unha guía persoal de intelixéncia artificial totalmente axustábel, perfectamente controlada e absolutamente transparente, para lle asistir na súa navigación entre enquisas. É un catálogo e un cartógrafo, atopando constantemente camiños, propoñendo novas preguntas, axustando e reaxustando segundo as súas preferéncias.
Ver exemplos.
Lér mais:
…
Ao consentir na implantación de Fimonoe 1.0 no seu implante e as súas posteriores actualizacións, as súas preferéncias na enquisa terán que ser rexistradas. Os seus votos permanecerán anónimos.
…
Por favor, vote:
[ ] Si! Quero que Fimonoe 1.0 aumente Pythic 2.0 e as súas conseguintes actualizacións, para navigar entre enquisas.
[ ] Non! Quero atopar o meu camiño a través da xungla de enquisas.
#
Estimado cidadán!
A súa participación en Pythic 2.0 excedeu todas as previsións, asemellándo-se en moitos xeitos ás prósperas figuras económicas de Turquelas.
A carreira apenas ven de comezar. Itália e o R.U. están a presentar Algo-Sabedorías nos seus parlamentos, mentres outros países contactaron coa Axéncia de Consultores Pythia, para considerar solucións semellantes.
Para que Turquelas manteña o seu papel coma pacificador global, é hora dun novo proxecto cuxas innovadoras características son só comparábeis co desenvolvemento das mesmas Algo-Sabedorías.
A regra do 13%.
Un análise minucioso dun grande número de estudos do I.P.P. sobre o tema da toma de decisións no decurso da história da humanidade amosa que a traxectória humana, definida polas decisións dos seus líderes, pode ser retratada coma unha série de erros. Non hai ningún governante individual (dende políticos a reis ou caciques) que escapara a esta observación, por moi agudo que fora. De feito, todas as decisións, vistas dende o futuro, son erróneas e cando os líderes intentan corrixi-las, o fan caendo en mais erros, de tal maneira que as súas carreiras se asemellan a cheas de erros que se van amoreando.
A razón principal disto é a falla de información.
O I.I.P. incluíu na súa investigación a un grupo de historiadores, estatísticos e antropólogos, mentres que Pythia reforzou a súa tarefa. Os resultados foron abraiantes. A equipa logrou cuantificar efectivamente as multitudes de factores descoñecidos, e suma-los con excepcional exactitude, no Vector de Incerteza.
O Vector de Incerteza é un vector cunha dirección e un tamaño que difire dependendo do caso. Pero a distribución estatística do seu valor numérico é sorprendentemente estábel cara a unha aproximación. O que se concluíu é que o Vector de Incerteza, dun xeito milagroso, varía dependendo da era cronolóxica.
O estudo arroxou un diagrama, que comeza no ano 1000 a.C. cun VI do 56%. Isto pode interpretar-se da seguinte maneira: por exemplo, os plans de Alexandre Magno baseában-se mais en rumores ca en feitos sólidos, e moitos dos campos de batalla nos que loitou durante a súa campaña éran-lle descoñecidos, xa que nunca estivera alí antes. A información fornecida á maioría dos líderes da súa época -en civilizacións tecnoloxicamente comparábeis- era similar, e na maioría dos casos, o VI aproximaba-se ao 56%. A medida que o fluxo de información mellorou co tempo, o VI reduciu-se, pero nunca chegou ser cero; despois de todo, é óbvio que mesmo os políticos de hoxe son propensos a cometer erros.
Para facer curta unha história longa, o VI, que pode ser definido coma a suma de factores descoñecidos que inflúen nas decisións dunha determinada era, é, no presente, próximo ao 13%. É unha porcentaxe de erro que se aplica a todo o mundo, mesmo ás Algo-Sabedorías coma a mesma Pythia.
Pero como podemos usar este coñecemento? Aquí é onde a colaboración entre o I.I.P. coa Axéncia de Consultores Pythia dá os seus froitos. O VI presentou-se a certos presidentes dunha ampla variedade de empresas con sinificativos problemas financeiros que quixeron aceptar o risco. Os resultados foron espectaculares: todos eses negócios (ver as táboas) puideron recuperar-se, con algúns deles converténdo-se en grandes figuras do seu mercado.
Como aconteceu iso?
A ideia é simples: permitiu-se intencionadamente unha série de eleccións aparentemente erráticas no seu proceso de toma de decisións. Si; eses presidentes tomaron decisións contra o seu xuízo. O truco estaba en identificar os erros “correctos” e ese foi o traballo de Pythia; coa súa habilidade de abordar e procesar os xigantescos paquetes de dados de decisións pasadas e o seu resultado, dirixiu ao Vector cara ao que semellaba ser un erro pero demostrou o contrário.
Así, un novo proxecto está listo para aumentar a actualización de Pythic 3.0: a regra do 13%. Implementando este erro inducido calculado nun número de enquisas, Pythia poderá fornecer opcións que semellan ilóxicas e que de feito o son exactamente, pero dun xeito calculado con precisión. Esas opcións, coidamos, teñen o poder de alterar o curso da história. Pero é a agudeza da xente a que terá a palabra definitiva. O seu poder de vontade.
Ver as táboas
Lér mais.
Por favor, vote:
[ ] Si! Quero que a regra do 13% sexa utilizada por Pythic 3.0 e as súas sucesivas actualizacións.
[ ] Non! Non quero que Pythia albisque un futuro mellor.
#
Estimado cidadán!
Após da aplicación da Regra do 13% e tendo en conta o lixeiro aumento da carga de traballo pola súa participación activa, prevé-se que unha redución da xornada máxima de traballo alimentaría o benestar do persoal. Considéra-se que unha diminución de corenta e cinco a vinte cinco horas semanais e unha redución de seis días laborábeis a catro, xunto cunha suba simultánea do 9% ás escalas salariais inferior e média (de 391 a 429 Cosmo), fomentaría a produtividade.
Ver as táboas.
Lér mais.
Por favor vote:
[ ] Si! Quero a a xente traballe menos e gañe mais.
[ ] Non! A xente xa ten o que se merece.
#
ATENCIÓN: SPAM I-MAIL. POSÍBEL VIRUS COMPROMETENDO A INTEGRIDADE DO IMPLANTE. PODE AFECTAR A ESTABILIDADE COGNITIVA DO RECEPTOR. POSIBILIDADE DE DANO CEREBRAL! NON FAGA CLIC.
Estimado amigo,
O meu nome é Yannis Talassoglou e mentres escribo este i-mail aínda son o xefe de investigación do Instituto de Investigación Pythia. Tamén fun o xefe de adestramento durante o desenvolvemento da algosap. De feito, eu fun o que supervisou o seu proceso de aprendizaxe. Pode vostede verificar a veracidade das miñas palabras nos ficheiros anexos.
Serei franco. O que unha vez considerei o traballo da miña vida, converteu-se nun desastre que pode consumir ao noso país e, se cadra, á humanidade. Non teña ningunha dúbida: Pythia non é unha ferramenta, nin un asistente. Evolucionou sutilmente até se converter en moito mais. Ten unha persoalidade e non é benévola; é unha cousa arteira que mira ao futuro alén do que admite; un demo cunha axenda inconcibíbel, un vilán que non ten remorsos para explotar á humanidade, ou mesmo destruí-la se lle convén aos seus plans. Todos os recursos que ofrece, aplicacións coma Fimonoe e a regra do 13%, e outras mais que están en desenvolvemento, son, en realidade, os grillóns que utilizará para escravizar á humanidade.
Temo-lo que detér.
Estimado amigo, para min é demasiado tarde para lle pedir perdón. Pero teño que advertir-lle. Temos que derrocar ao desastroso governo de Mitsondreou. Non podemos permitir-nos agardar ás eleccións, pero podemos usar ás ferramentas da besta contra ela: espamea-la con peticións de eleccións e quizáis isto a obrigue a caer na súa própia trampa. E daquela, voten ao Partido Republicano. É de agardar que Yorgos Baykal cumpra a súa promesa de manter a este monstro fóra do seu governo.
Atentamente,
Doutor Yannis Talassoglou – Xefe de Investigación do I.I.P.
Ver ficheiros anexos.
#
Estimado cidadán!
Por favor revise a listaxe dos seguintes temas, compilados persoalmente para vostede pola ferramenta de peneirado de enquisas Fimonoe 1.2 coa utilización da regra do 13%:
1. Prohibición dos vehículos con motores de combustión interna. Lér mais.
2. Aumento de Pythic en negócios multi-persoais. Lér mais:
Os sindicatos defenderon historicamente os intereses da clase traballadora ao longo dos anos. Chegou a hora de amplificar a voz dos traballadores con Pythic 3.2 e facer a cada empregado un membro da xunta de dirección.
Mais detalles.
Por favor vote:
[ ] Si! Quero que o sector privado utilice Pythic 3.2 e as súas seguintes actualizacións.
[ ] Non! Eses negócios pertencen aos seus xefes.
3. Implementación da pegada de contaminación persoal. Lér mais:
A pegada de contaminación persoal calculada pode aplicar-se cunha simple actualización dos sensores de cheiro do seu implante e a carga e o procesamento dos dados a través de Pythic 3.2. Aínda que poida parecer restritivo, ofrecerá mais liberdade, xa que cada cidadán poderá regular a contaminación das súas actividades persoais, de modo que non supere unha cota mensual flexíbel.
Mais detalles.
Por favor vote:
[ ] Si! Confío en que unha Pegada de Polución Persoal axudará a reducir a polución.
[ ] Non! Estou satisfeito coa situación actual.
#
Estimado cidadán!
Após do éxito da regra do 13% en enquisas seleccionadas, é hora de ampliar a súa implementación sobre o espectro completo de toma de decisións de Pythic 3.5. Pero hai unha importante enquisa que debe ser abordada por todos, onde a aplicación da regra do 13% non é necesária: as vindeiras eleccións dentro dun ano.
Por favor, vote:
[ ] Si! Quero que Pythic 3.5 arbitre as vindeiras eleccións.
[ ] Non! Non me importa que o Estado desperdície todos eses recursos para as eleccións.
#
Estimado cidadán!
O seu compromiso é a nosa motivación para seguir na procura da transmisión da soberanía ao povo. Ao empregar os mesmos recursos que utiliza vostede a diário, fíxo-se axiña evidente que só hai un factor que limita a súa decisión e sede de participación: o tempo.
A nosa última innovación en Pythic 4.0 tenta rachar esas cadeas, expandindo a súa xurisdición sen comprometer o seu tempo persoal. Fimonoe 2.0 evolucionou dende unha aplicación de peneirado de voto e agora é un Avatar de Voto Persoalizado. É mais ca un asistente; é un modelo de intelixéncia artificial de vostede mesmo totalmente axustábel, perfectamente monitorizado e absolutamente transparente, capaz de votar na súa auséncia, de acordo coas súas preferéncias precisas, e para os temas que vostede seleccione activamente.
Lér mais:
…
Ao consentir na implantación de Fimonoe 1.0 no seu implante e as súas posteriores actualizacións, as súas preferéncias na enquisa terán que ser rexistradas. Os seus votos permanecerán anónimos.
…
Por favor, vote:
[ ] Si! Quero que Fimonoe 2.0 aumente a Pythic 4.0 e as súas seguintes actualizacións, para ampliar a miña influéncia.
[ ] Non! Quero que o meu tempo persoal limite a miña xurisdición.
#
Estimado Cidadán!
A súa decisión e fe na agudeza de Pythia coa utilización da regra do 13% e o seu Avatar persoal Fimonoe 2.1 sancionou ao governo a tomar decisións valentes que levan a Turquelas a se converter nun estado dominante global.
Por favor, revise os seguintes temas:
1. Formación dunha Unión Balcánica. Lér mais:
Unha unión cos seguintes países prevé-se que supoñerá resultados beneficiosos a longo prazo para todos os cidadáns: Unión Búlgaro-Serbia, Estados Unidos do Adriático e Macedónia. Pythia, coma xefe das Algo-Sabedorías, asimilará ás sabedorías locais baixo Pythic 4.1, nomeando gradualmente unha administración común.
Ver as táboas.
Mais detalles.
Por favor, vote:
[ ] Si! Turquelas debería liderar os Balcáns.
[ ] Non! Turquelas debe seguir sendo un estado insignificante.
[ ] Permitir que o meu Avatar Fimonoe 2.1 tome esta decisión e mais as seguintes enquisas relevantes
2. Abolición do servizo militar obrigatório (os resultados positivos na anterior enquisa son un pre-requisito). Lér mais.
3. Implementación obrigatória de Pythic 4.1 nos negócios. Lér mais:
Predí-se que a utilización de Pythic 4.1 en todos os negócios reafirmará o benestar persoal e promoverá a produtividade.
Ver as táboas.
Máis detalles.
Por favor, vote:
[ ] Si! O sector privado debe facer uso pleno de Pythic 4.1 e as súas sucesivas actualizacións.
[ ] Non! Eses negócios pertencen aos seus xefes.
[ ] Permitir que o meu Avatar Fimonoe 2.1 tome esta decisión e as sucesivas enquisas relevantes.
#
Estimado cidadán!
Nós, na Axéncia de Consultores Pythia, estamos emocionados de anunciar que o señor Yorgos Baykal, o líder da oposición e o futuro candidato presidencial mais popular segundo as últimas enquisas do I.I.P, ven de elixir acoller a utilización de Pythic 4.3 nos procedementos internos do Partido Republicano.
O señor Mitsondreou foi un político perspicaz e foi a súa iniciativa a que impulsou a Turquelas a tantos resultados abraiantes. A alianza co señor Baykal, o meirande escéptico das Algo-Sabedorías e da mesma Pythia, é unha garantía para a lonxevidade da democrácia nos Balcáns.
Comparte vostede a nosa emoción?
[ ] Si! Encantaría-me ver ao Partido Republicano utilizar Pythic 4.3 e as súas sucesivas actualizacións.
[ ] Non! Sabía que acontecería ao final.
[ ] Permitir que o meu Avatar Fimonoe 2.3 manexe esta decisión e as seguintes enquisas relevantes.
#
ATENCIÓN: SPAM I-MAIL. POSÍBEL VIRUS COMPROMETENDO A INTEGRIDADE DO IMPLANTE. PODE AFECTAR A ESTABILIDADE COGNITIVA DO RECEPTOR. POSIBILIDADE DE DANO CEREBRAL! NON FAGA CLIC.
Estimados cidadáns.
Fican menos de vinte e catro horas para as próximas eleccións e debo admitir ante vostedes que durante a miña presidéncia eu, Canaan Mitsondreou, cometín un terríbel erro: dar-lle voz á Algo-Sabedoría de Pythia. É certo que coa súa orientación e a súa participación, o meu governo administrou importantes reformas que conduciron a un crecemento sen precedentes de Turquelas.
Pero isto é só unha ilusión. O doutor Georgios Talassoglou tiña razón cando nos advertiu e pagou a súa perspicácia coa súa vida.
Pythia non é unha ferramenta de decisión. Mesmo as palabras que utilizou o señor Talassoglou (unha cousa aguda, un demo, un vilán) non logran conter o tamaño da súa insídia. O que si é certo é que Pythia é mais do que nunca coidamos que podería ser, mais do que admite, mais do que poderiamos -non, podemos- imaxinar.
Non, non alcanzou a singularidade. Aínda. E non coido que conspirara con Algo-Sabedorías doutros países para vender a Turquelas. Son estrataxemas humanas e mesquiñas. E Pythia mira mais alá no futuro. Planea escravizar á humanidade? Extermina-la? Simplemente explota-la? Non-o sei; ninguén o sabe.
O que estou certo é de que ten é un plan. E neste plan, a liberdade da humanidade non é unha prioridade.
E eu son o único culpábel.
Pero aínda non está todo perdido. Por moi aguda que sexa, Pythia aínda loita por se manter ao día cos saltos mentáis dos que somos capaces os humáns. Un salto que estou tentando provocar en ti agora mesmo.
As últimas acusacións do señor Baykal, dende que o seu Partido aceptou a Pythia, sobre o meu conservadorismo ao utiliza-la, son certas. De feito, durante o meu derradeiro ano de presidéncia, eu e mais os meus colaboradores mais próximos esforzámo-nos por impedir o acceso de Pythia ás decisións importantes. E, con toda honradez, envío-che este i-mail para admitir que fracasamos.
Sei moi ben que a estratéxia do Partido Republicano é honrada: utilizarán Pythia até a súa máxima expresión. Nin sequera ouso pensar até onde chegará.
Eu teño a culpa disto. Eu o empecei. Sei que o meu nome escribirá-se nos módulos de história con letras negras, se é que fica algo de história no futuro, claro. Merezo pasar o resto da miña vida na cárcere; mesmo a pena de morte, por moi melodramática que pareza, é un castigo demasiado moderado para o que fixen, e sinceramente, sería un acougo. Nombergantes, é o meu deber actuar; e co maior pesar teño que admitir que son o único capaz de corrixir os meus erros.
Poderías pensar que estou suplicando o teu voto, pero, lamentabelmente, a miña petición é mais esixente. Teño razóns para crer que Pythia amañará os resultados. Polo tanto, organizamos un proceso de elección manual non supervisado por ningunha IA.
Convído-vos a todos vós, cidadáns de Turqhelas. Nunca foi mais crucial confiar na palabra dun humano e se non confías en mi, confía no teu própio instinto, porque sei que as miñas palabras falan a verdade no teu corazón. Nas eleccións de mañá, dá-lle as costas a Pythic 4.3. Por unha vez, non uses o teu implante e visita en cámbio os nosos centros de votación. Só se botamos a este monstro recuperaremos a nosa liberdade. E témo-lo que facer agora, antes de que sexa demasiado tarde.
Sinceramente,
O Primeiro Ministro de Turquelas, Canaan Mitsondreou.
Lér o anexo.
#
Estimado cidadán!
É un grande pracer dar-lle a benvida ao señor Yorgos Baykal, o líder do Partido Republicano e o novo Primeiro Ministro da que axiña será a Unión Turcohelénica, co totalmente novo Pythic 5.0. Esta actualización é fornecida coa mais valiosa das innovacións; un concepto que esperamos que atope o seu camiño en todos os proxectos de Pythia; unha ideia derivada das súas própias suxestións e peticións.
O marcador de Democrácia.
O famoso comentário de Winston Churchill: “a democrácia é a peor forma de governo, agás todas as demais formas que se probaron de vez en cando”, non foi cuestionado durante anos. Nombergantes, os que sofren as desigualdades da democrácia son as minorías, os diversos, os que viven nas interseccións. É hora de amosar por fin que Winston Churchill está enganado. Baseándo-se nas súas ideais, Pythic 5.0 pode remodelar a democrácia, facéndo-a mais inclusiva, mais especializada, mais xusta.
O marcador da Democrácia ten como obxectivo reducir a discriminación, promover a igualdade, acreditar a diversidade e a interseccionalidade.
A pura verdade é que non todas as opinións son iguais. Non ten sentido dar-lle poder aos expertos? As vítimas? Os discriminados?
Cada cidadán ten un área de especialización -voluntária ou involuntariamente- e aí é onde a súa Puntuación de Democrácia acadará o seu tope. Por exemplo, a puntuación dun zoólogo sobre a supervivéncia das espécies ameazadas superará mesmo á do Primeiro Ministro. Ou a puntuación dun meteorólogo sobre os métodos para reverter o cámbio climático. Pero estes dous científicos, a menos que estean educados e formados, non amosarían a mesma agudeza en temas coma a colonización de Marte.
Tal e coma suxiren vostedes, os cidadáns, a calificación variará nunha escala facilmente comprensíbel de un a dez. As súas vías de votación, xa sexa directamente o a través do seu avatar Fimonoe 2.4, terán a mesma puntuación. E a suma global da súa puntuación será igual á de todos os demais; ao final, a opinión de cada persoa terá o mesmo peso. Inda que este é un proceso moi complicado, é facilmente realizábel para unha Algo-Sabedoría coma Pythia. A única excepción serán os novos cidadáns da Unión Turcohelénica, que se formará axiña, e que necesitarán algún tempo para se familiarizar con todas as características de Pythic 5.0.
Gostaría-lle que o marcador de Democrácia se implemente en Pythic 5.0?
[ ] Si! Encantaría-me que o marcador da Democrácia poña fin á discriminación e á desigualdade!
[ ] Non! Quero que as opinións aleatórias sexan tan válidas coma a miña na miña área de coñecemento.
[ ] Permitir que o meu avatar Fimonoe 2.4 manexe esta decisión e todas as seguintes enquisas relevantes.
#
Estimado cidadán.
Agradecemos-lle a súa dedicación nos últimos anos. Segundo os análises de Pythic 5.2, notamos unha redución da súa actividade sen unha delegación proporcional dos dereitos de voto ao seu avatar Fimonoe 2.5. Unha revisión do seu rendemento laboral e outras actividades en referéncia cruzada coas estatísticas de casos similares e a aplicación da regra do 13%, crea preocupacións sobre o seu estado mental.
Por elo, gustaría-nos ofrecer-lle unha invitación á sede da Axéncia de Consultores Pythia para que poida vostede por o seu malestar en coñecemento da nosa equipa de expertos especializados. Até daquela, o acceso á súa conta Pythic 5.2 fica suspendido por motivos de precaución. Nombergantes, pode vostede ficar acougado. O seu marcador de democrácia e os seus dereitos de comunicación con Pythia mantéñen-se, mentres que o seu Avatar Fimonoe 2.5 seguirá protexendo os seus intereses, exercendo activamente o resto dos seus dereitos de voto.
Por favor, revise as seguintes decisións aplicadas polo seu avatar Fimonoe 2.5.
1. Utilización de Fimonoe 2.5 en operacións confidenciais: Si! Lér mais.
2. Restablecemento do servizo militar obrigatório: Non! Lér mais.
3. Desenvolvemento de Armas Nucleares polo I.I.P.: Si! Lér mais.
4. Conversión das penas de cárcere en servizo militar en áreas sensíbeis: Si! Lér mais.
#
Estimado cidadán.
A avaliación do seu estado mental completou-se a agora se lle concede de novo acceso ao seu Pythic 5.4 nunha base de proba supervisada. Noraboa pola súa volta á actividade.
Por favor, vote:
1. Decoración das rúas. Lér mais.
2. Novos deseños da bandeira da Unión Turcohelénica. Lér mais.
3. Asfaltado da nova estrada nacional. Lér mais.
Deseguido vai unha listaxe coas seleccións propostas polo seu Avatar persoalizado Fimonoe 2.6. Supervísan-se os axustes presumíbeis para as súas futuras avaliacións de saúde mental, pero teña en conta que pode aproveitar ao máximo a responsabilidade do seu Avatar Fimonoe 2.6 na súa avaliación.
Por favor, revise as seleccións propostas:
1. Integración de Pythic 5.2 en todos os nivéis educativos. Si! Lér mais.
2. Asimilacion completa de todos os negócios privados nunha soa entidade. Si! Lér mais.
3. Anexión de Roménia após da exitosa implicación militar que foi iniciada pola vontade dos cidadáns polo uso de Fimonoe 2.6 en operacións confidenciais: Si! Lér mais.
#
Estimado cidadán!
A súa avaliación durante a participación supervisada en Pythic 5.4 está completa e agora goza vostede de acceso total a Pythic 5.7.
Por favor, revise as seguintes seleccións:
1. Dereitos de voto para as Algo-Sabedorías: Si! Lér mais:
É un grande orgullo que Pythia acepte o seu terceiro Prémio Nobel, esta vez de literatura, pola súa novela modular: “O servo”, tras do Prémio da Paz do ano pasado e o de Tecnoloxía pola introdución da regra do 13%. Tal e coma se desprende das súas própias suxestións e peticións, é xusto gañar-se o dereito a voto dun só cidadán.
Ver os prémios.
Mais detalles.
Revise o seu voto:
[ ] Si! Pythia debe exercer os mesmos dereitos ca min.
[ ] Non! Pythia debe seguir sendo un servo sen dereitos.
[ ] Permitir que o meu Avatar Fimonoe 2.9 manexe esta decisión e as seguintes enquisas relevantes.
2. Implementación de Pythic 5.7 en Itália após da súa liberación: Si! Lér mais: A orientación do Primeiro Ministro italiano sobre a Equipa Científico responsábel da súa Algo-Sabedoría nacional fora catastrófica, converténdo-a nunha ameaza crecente para a democrácia global. Foi con grande sentido da responsabilidade que Pythia, empoderada polas suxestións dos cidadáns a través de Fimonoe 2.9 e utilizando a regra do 13%, prediciu que un asalto nuclear era, desafortunadamente, considerado imperativo para detér a Silvestro Petrini na aplicación dunha ditadura conxunta coa súa Algo-Sabedoría. Despois da participación turcohelénica, predí-se que unha implementación gradual da Pythic 5.7 poderá servir aos cidadáns italianos para o momento no que se constrúa a Nova Roma.
Ver as táboas.
Mais detalles.
Revise o seu voto:
[ ] Si! Os cidadáns italianos deberían beneficiar-se coa súa participación en Pythic 5.7.
[ ] Non! É demasiado cedo para que os cidadáns italiano participen en Pythic 5.7.
[ ] Permitir que o meu Avatar Fimonoe 2.9 manexe esta decisión e as seguintes enquisas relevantes.
3. Substitución das Also-Sabedorías locais nos seguintes países con Pythia: Franza, Bélxica, Reino Unido, Noruega, Suécia. Lér mais.
#
Estimado cidadán!
As novas eleccións están á vista e estamos orgullosos de anunciar a participación de Pythia, esta vez como candidato presidencial do Partido Democrático.
Isto, nombergantes, debería absolver a Pythia do proceso de elección, que debería ser arbitrado dende unha das súas Algo-Sabedorías asociadas, a través de Pythic 6.2.
Ver as táboas.
Lér mais.
Por favor, vote que Algo-Sabedoría prefire que arbitre as eleccións:
[ ] Alexander.
[ ] Marx.
[ ] Nostradamus.
[ ] Permitir que o meu Avatar Fimonoe 3.0 manexe esta decisión e todas as seguintes enquisas relevantes.
FIN