A actriz italiana Matilda Lutz (A Classic Horror Story), a inglesa Wallis Day (Batwoman) e mais o irlandés Robert Sheehan (The Umbrella Academy) liderarán o elenco da nova adaptación ás pantallas de Red Sonja que está a desenvolver a Millennium Media.
O proxecto, que conta cun guión de Joey Soloway e Tasha Huo, está inspirado pola superheroína homónima protagonista dos cómics da Marvel, baseada á súa vez en Red Sonya, un persoaxe das novelas de espada e bruxaría escritas nos anos 20 do século pasado por Robert E. Howard, o mesmo creador de Conan o Bárbaro, e que se converteu no arquetipo da guerreira en bikini de mallas.
Hannah John Kamen, a quen vimos por última vez no cinema en Resident Evil: Welcome to Raccoon City, fora previamente contratada para este papel, pero tivo que renunciar ao mesmo por mor de problemas de axenda. Lutz será agora a nova protagonista, Day interpretará á súa malvada médio irmá Annisia, e Sheehan fará o papel de Draygan. O argumento polo de agora non se deu a coñecer.
M.J. Bassett (Solomon Kane) dirixe o proxecto, que se atopa xa en produción nos estudos Nu Boyana de Bulgária, e que continuará o traballo proximamente en escenários de Grécia.
Michael Bisping, Martyn Ford, Eliza Matengu, Manal El-Feitury e Katrina Durden compoñen o resto do elenco de protagonistas. O persoaxe de Red Sonja fora adaptado ao cinema por última vez en 1985 nun filme con Brigitte Nielsen e mais Arnold Schwarzenegger.