O director Francis Lwarence (Constantine, I Am Legend) ven de chegar a bordo da adaptación para as pantallas da popular franquía de videoxogos distópica BioShock, mentres que Michael Green (Blade Runner 2049, Logan) será o encargado de adaptar o guión para este filme de acción real que a Netflix está a desenvolver.
Lawrence está aínda a rodar a película precuela de The Hunger Games, así que o plan é que Green aproveite este tempo para escribir o guión, que deberá estar rematado cando a axenda de Lawrence fique libre, e deste xeito poida chimpar directamente á fase de pre-produción de BioShock.
Lanzados por primeira vez en 2007 pola compañía 2K Games, os dous primeiros videoxogos estaban ambientados en Rapture, unha cidade submarina de estilo Art Decó na década de 1960. A cidade vive nunha utopía científica caída e consumida anos antes polas súas própias ambicións, e agora é un lugar onde se producen estraños experimentos xenéticos.
A terceira parte situába-se na década dos anos 10 do século XX en Columbia, unha cidade aérea de estilo neoclásico, onde reside unha sociedade fundada por megalómanos teocráticos, alimentada polos dogmas relixiosos e inzada de problemas de fanatismo, desigualdade e corrupción.
A franquía fíxo-se merecedora de moitos prémios e vendeu en total mais de 39 millóns de cópias grazas ás súas diversas edicións especiais, remasterizacións e coleccións.
A Netflix anunciou o pasado mes de febreiro que chegaran a un acordo de colaboración coa Take-Two Interactive para desenvolveren un filme baseado nos videoxogos, e que sería producido por Roy Lee.