Adéus a Peter Straub

813

O escritor Peter Straub morreu o pasado día 4 de setembro aos 79 anos, após dunha longa enfermidade.

Peter Francis Straub foi un influínte e exitoso autor de obras de terror, fantasía escura e thrillers psicolóxicos. Nado o 2 de marzo de 1943 en Milwaukee, Wisconsin, licenciou-se en Filoloxía Inglesa en 1965, obtivo un máster en 1966 e regresou ao seu antigo instituto a dar clases durante tres anos, pero en 1969 mudou-se a Irlanda para traballar nun doutorado que nunca daría rematado, porque antes, en 1972, publicou dous libros de poesía e mais a súa primeira novela, Marriages.

Por suxestión do seu axente, Straub decidiu probar sorte coa ficción gótica, e deste xeito, a súa primeira novela de terror, Julia, publicaría-se en 1975 e chegaría ao cinema co filme The Haunting of Julia. A este éxito seguiu-lle If You Could See Me Now (1977), e especialmente, o supervendas Ghost Story (1979), que tamén deu o chimpo ao cinema dous anos despois, nunha película dirixida por John Irvin e protagonizada por Fred Astaire.

As súas seguintes novelas sobrenaturais foron Shadowland (1980) e Floating Dragon (1983), gañadora do Prémio Británico de Fantasía, ás que seguiron Koko (1988), gañadora do World Fantasy Award, Mystery (1990) e The Throat (1993), gañadora do Stoker. O seu thriller The Hellfire Club (1997) foi o seu seguinte grande éxito mundial, pero até 1999, con Mr. X, Straub non regresou ao xénero de terror sobrenatural, gañando ademais o prémio Stoker, que repetiu con Lost boy lost girl (2003), unha obra que ademais lle proporcionou o seu segundo World Fantasy. Os prémios non pararon aí, porque en 2004, a secuela Night Room (2004) gañou o seu terceiro Stoker, e con A Dark Matter (2010) chegou o cuarto. Outros seis aínda estarían agardando por el.

O nome de Straub é relembrado especialmente polos fans de Stephen King grazas á novela conxunta The Talisman (1984), un supervendas mundial que lle forneceu dunha xusta sona. E en 2001 chegaría a súa segunda parte, Black House.

Entre os seus relatos mais notábeis cómpre salientar a novela gañadora do World Fantasy The Ghost Village (1992), a gañadora do Stoker e do International Horror Guild Mr. Clubb and Mr. Cuff (1998) e a gañadora do Stoker The Ballad of Ballard and Sandrine (2011). A súa ficción curta recolleu-se en escolmas coma Houses Without Doors (1990), a gañadora do Stoker Magic Terror, 5 Stories (2007), The Juniper Tree and Other Stories (2010) e The Complete Short Fiction of Peter Straub, publicada en dous volumes o ano pasado.

Straub ademais foi o editor da antoloxía da HWA Peter Straub’s Ghosts (1995), Conjunctions 39: The New Wave Fabulists (2002), o volume da Library of America H.P. Lovecraft: Tales (2005), Poe’s Children (2008), e dous volumes de American Fantastic Tales para a Library of America; este último gañou un World Fantasy Award. A súa obra foi analizada no libro At the Foot of the Story Tree, de Bill Sheehan (2000), e coma actor ocasional, apareceu en vários episódios da telenovela One Life to Live entre 2006 e 2009.

En total, os libros e relatos de Straub foron nominados a unha dúcia de World Fantasy Awards, dos que gañou catro veces, e mais a 14 Prémios Bram Stoker, con dez vitórias. Foi nomeado Grande Mestre Mundial do Terror en 1997, gañou un Stoker especial pola carreira da súa vida, foi nomeado lenda viva do International Horror Guild en 2008 e recibiu o World Fantasy pola súa carreira conxunta en 2010.

Straub casou con Susan Bitker en 1966, e deste matrimónio naceron tres fillos: Susan, Ben e mais Emma Straub, quen tamén é escritora supervendas.