No decurso da presentación Ubisoft Forward, anunciou-se que a Netflix e mais a popular compañía de videoxogos unirán as súas forzas para facer unha série de televisión con acción real baseada na franquía de Assassin’s Creed.
Ademais, a Ubisoft prometeu lanzar un xogo de Assassin’s Creed para os dispositivos móbiles que estará dispoñíbel en exclusiva para os subscritores da Netflix. Polo de agora iso é todo o que se deixou caer e non se deron a coñecer mais detalles do proxecto.
En 2016 o realizador Justin Kurzel dirixiu un filme tamén con acción real baseado no videoxogo, que protagonizou Michael Fassbender. Aínda que as críticas non foron boas, o filme recadou 240 millóns de dólares contra un orzamento inicial de 125, polo que durante algún tempo se falou da posibilidade dunha secuela.
A franquía de videoxogos continúa pola súa banda a ser unha das mais vendidas da história, con mais de 140 millóns de cópias e 95 millóns de xogadores en todo mundo.