NOVA FANTASIA cumpre 25 anos (1997-2022)

793

NOVA FANTASIA cumpre 25 anos! Co gallo deste pequeno evento, querémo-vos amosar de seguido unha pequena história dos acontecementos que nos levaron até aquí, coa axuda e a través dos nosos logos.

Inverno 1997. Após de pechar a súa etapa no seu anterior proxecto, un fanzine adicado ao mundo das aventuras conversacionais, Fran Morell decide comezar cunha nova ideia, unha revista electrónica que tratara sobre o xénero fantástico, pero esta vez escrita integramente en galego. A ideia orixinal foi nomea-la “NOVA”, porque sería a “nova revista”. Nace así o noso primeiro logo, que non pasaría da fase de proxecto. A salientar nel a letra alfa, coa que dalgún xeito nos volveriamos atopar no futuro.

O primeiro logo de NOVA

Primavera 1997. Após de atopar un programa que fixera doada a maquetación e conseguinte lectura nos computadores PC a través de disquetes, chega por fin o número 0 da revista, que só tivo unha distribución reducida, cunha presentación no decurso da 1ª Convención da Aventura en Barcelona. O noso primeiro lema sería xa “O Fantástico, en Galego“.

NOVA FANTASIA. O noso primeiro logo público.

Primavera 1998. Durante os vindeiros dous números, correspondentes aos nosos números 4 e 5, o noso lema mudou para “Revista Galega do Mundo Fantástico”, querendo reflectir deste xeito a expansión dos nosos intereses, engadindo unha ollada crítica ao mundo do paranormal e ao misticismo. Un novo logo nos acompañaría nesta etapa:

NOVA - Revista Galega do Mundo Fantástico

Outono 1998. O noso logo co “Berro” de Munch deu mostras de que aínda estabamos a experimentar cos nosos contidos.

NOVA FANTASIA, logo co "Berro"

Primavera 1999. Co número 8, chegamos ao final da nosa etapa de números lanzados en formato MS-DOS / Windows e comezarían as nosas primeiras probas na Internet, concretamente na web de geocities.com. O noso logo, cunha pantasma que fora creada durante o Samaín, tamén variaría, pero non chegou a se facer oficial:

NOVA - O fantástico, en galego

Verán 1999. Após de experimentarmos en geocities, fixémo-nos cun enderezo acurtador, que estreamos co gallo do noso número 9, “novafantasia.ariadna.net”. E ao mesmo tempo, o noso logo fai-se un pouco mais celta, ou se cadra, mais viquingo:

NOVA FANTASIA

Primavera 2000. Grazas á inestimábel colaboración do noso amigo Joseph Remesar, facémo-nos cun domínio de nós, novafantasia.com. Isto suporía o final da nosa era “NOVA“, dado que agora tiñamos que engadir obrigatoriamente a parte de “FANTASÍA” ao noso nome, que até daquela era só unha apostila. O cámbio chegaba ademais cun novo logo “luar” con morcego.

NOVA FANTASIA

Outono 2004. Co noso número 15 chegamos ao remate oficial da “era dos números”. A partir dentón, NOVA FANTASIA xa non incorporaría mais números e ofrecería unha contínua xeración de contidos na súa páxina Web, apoiados no noso novo CMS, WordPress. Cómpre salientar que toda a laboura até aquel intre estaba realizada directamente en HTML, deseñada e programada a man coa única axuda do Notepad de Windows!

E, dado que a era dos “punto com” estaba en plea auxe, o noso logo engadiu a famosa extensión durante un par de anos mais, primeiro con moito realismo…

NOVAFANTASIA.COM

… e logo dun xeito mais simplificado, xa sen morcego:

NOVAFANTASIA.COM

A lúa continuaría acompañándo-nos no logo durante algún tempo mais, coma símbolo se cadra de que estabamos un pouco “aluados” nestes anos, pero dende aquela a fonte oficial do nome sería xa para sempre a Úrchlo Rómhánach, que substituiría á Úrchlo Regular ou mesmo á Tromchló, que tamén nos acompañara anteriormente.

De seguido amosamos algúns logos que estiveron connosco durante só uns poucos meses ou semanas, pero que non chegaron a ser oficiais:

O logo de Cthulhu:

NOVA FANTASIA - O logo de Cthulhu

O mesmo Cthulhu, pero durante o nadal:

NOVA FANTASIA - O logo de Cthulhu en nadal

E o logo-cabaza durante o tempo de Samaín:

NOVA FANTASIA - O logo cabaza

2012. A nosa revista comezou a actual etapa de publicar menos artigos de fondo e de achegar ao público galego principalmente as novidades do xénero fantástico en todo o mundo, especialmente no tocante á televisión e ao cinema, e tamén coa incorporación cada vez maior de novos autores internacionais que merecen ser coñecidos en Galiza, a través das nosas traducións, da man da nosa compañeira Emma Nogueira.

Setembro de 2012. Coa imparábel auxe das redes sociais, a nosa imaxe faría-se cada vez mais estática e corporativa, tentando atopar un deseño estábel, doado de reproducir, e especialmente, que fose coherente entre as distintas redes (Facebook, Twitter, Instagram). Pero ao mesmo tempo, queriamos enviar un sinal de novos tempos tecnolóxicos, cun circuíto que é a foto da placa nai do noso computador daquela. E deste xeito, naceu o noso símbolo “a“, un pequeno chisco á nosa primeira alfa que nunca chegou ver a luz, pero que merecía (coidabamos) mellor sorte.

O noso logo actual

Xuño de 2013. Apróba-se o noso Libro de Estilo, grazas ao cal dun xeito definitivo ficarían codificadas as regras da normativa do galego, a política e os nosos obxectivos estruturais, a acollida da licenza Creative Commons 3.0, así coma os valores deontolóxicos da redacción e mais o “Impressum”, obrigatório no noso país de acollida.

O futuro. Após de 25 anos o noso futuro continúa aberto e cheo de luz. O noso orgullo é que fomos os primeiros en apostar polo xénero fantástico e polo galego, os primeiros en estarmos na Internet, cando aínda nin Google existía, e que seguimos adiante co obxectivo de traballar día a día, coma dixo Celso Emilio, porque me gosta, porque me peta e quero e dá-me a gana.