A Amazon continuará Blade Runner

537

A Prime Video ven de anunciar hai un par de horas que encargou oficialmente a produción dunha nova série limitada de acción real titulada Blade Runner 2099, con Ridley Scott a bordo coma produtor executivo. Silka Luisa (Halo) será a showrunner, mentres que Michael Green (Blade Runner 2049) será produtor executivo, pero sen intervir no guión.

O Blade Runner orixinal, dirixido por Ridley Scott, está considerado coma un dos mellores e mais influíntes filmes de ciéncia-ficción de todos os tempos, e estamos emocionados de presentar Blade Runner 2099 aos nosos clientes globais de Prime Video“, dixo o xefe de televisión global da Amazon Studios, Vernon Sanders, nun comunicado. “Sentímo-nos honrados de poder presentar esta continuación da franquía de Blade Runner, e estamos seguros de que, ao formar equipa con Ridley, Alcon Entertainment, Scott Free Productions e a notabelmente talentosa Silka Luisa, Blade Runner 2099 manterá o intelecto, os temas e o espírito das súas predecesoras cinematográficas“.

Andrew Kosove e Broderick Johnson, codirectores de Alcon Entertainment, engadiron: “Estamos encantados de continuar a nosa relación de traballo cos nosos amigos da Amazon. E estamos mais ca entusiasmados por seguir ampliando o canon de Blade Runner nun novo ámbito co provocativo argumento que creou Silka“.

A primeira entrega desta franquía xurdiu en 1982, xustamente hai 40 anos, dirixida por Ridley Scott, e dende aquela converteu-se nunha das longametraxes de ciéncia-ficción mais salientábeis de todos os tempos. A secuela de Denis Villeneuve, Blade Runner 2049, estreada hai cinco anos, é pola súa banda un dos filmes con mellores críticas, pero resultou ser un fracaso absoluto nos despachos de billetes.

Ademais de Scott, Luisa e Green, entre os produtores executivos atópan-se Kosove e Johnson, Ben Roberts, David W. Zucker, Clayton Krueger, Cynthia Yorkin, Frank Giustra, Isa Dick Hackett e Tom Spezialy (Watchmen). Este último tamén exercerá de guionista.

A ideia de Blade Runner 2099 comezou a se desenvolver en febreiro, e polo de agora aínda non se anunciou nin director, nin elenco nin datas de comezo da rodaxe ou da estrea.