A HBO ven de anunciar os seus plans para converter o clásico filme de culto de 1981 Scanners de David Cronenberg nunha série de televisión.
O gañador do Emmy William Bridges (Black Mirror: USS Callister) será o guionista e showrunner da série. Yann Demange (Lovecraft Country) dirixirá o episódio piloto, e ambos os dous serán os produtores executivos para a HBO, a Wayward Films e a Media Res Studio.
O filme orixinal ía sobre un grupo de xente cunha gama de poderes psíquicos, telepáticos e telequinéticos alcumados os “escáneres”. Unha facción deles está liderada por Revok (Michael Ironside), un home tolo e famento de poder. E ao mesmo tempo, unha empresa de seguridade privada está a recrutar aos seus própios escáneres para detér a Revok, cuns motivos non moi claros.
A série, que leva en desenvolvemento vários anos, sería un thriller visceral ambientado no mundo do filme de Cronenberg e centrado en dúas mulleres que viven nos recunchos da sociedade moderna. A parella está a ser perseguida por axentes sen piedade e con poderes inimaxinábeis e deberán aprender a traballar xuntas para deter unha conspiración decidida a destruí-las.
A película de 1981 constituíu o primeiro grande éxito para Cronenberg, que dende aquela fixo unha salientábel carreira no eido do xénero de terror, e que continúa até os nosos días. De feito, a actriz Léa Seydoux volverá traballar axiña con el e mais co actor Vincent Cassel no seu seguinte filme, The Shrouds, que se rodará en Toronto esta primavera.
Cronenberg, Michael Ellenberg, Lindsey Springer, Meredith Duff, Sarah Sullivan, René e Fanny-Laure Malo, Pierre David, Clark Peterson e mais Aaron Gilbert serán os produtores executivos.