O realizador Bassam Tariq ven de abandoar de xeito inesperado o proxecto de Blade na Marvel Studios. O filme, que tiña previsto comezar a súa rodaxe en novembro na cidade de Atlanta, fica deste xeito sen director. Polo de agora non está nada claro de que xeito impactará a nova ao comezo da produción.
O gañador do Oscar Mahershala Ali será o protagonista deste thriller de vampiros, no papel do semihumán cazavampiros Blade, que no seu día interpretara Wesley Snipes na celebrada triloxía dos anos 90.
Nun comunicado, a Marvel di: “Por mor dos contínuos cámbios no noso calendário de produción, Bassam xa non sigue adiante coma director de Blade, pero seguirá sendo produtor executivo da película. Aprezamos o talento de Bassam e todo o traballo que realizou para levar a Blade até onde está“.
Os estudos están xa á procura dun novo director, dado que este proxecto pasou por moitos cámbios no guión anteriormente e non queren ter que repetir todo o proceso dende o comezo unha vez mais. O actual libreto é de Beau DeMayo, quen conta con experiéncia en séries coma Star Trek: Strange New Worlds, The Witcher e Moon Knight.
Delroy Lindo e Aaron Pierre son os outros coprotagonistas de Blade, que polo de agora continúa na grella de estreas para o 2 de novembro de 2023.