Waldron escribe as Guerras Secretas

230

Michael Waldron, o guionista responsábel de Rick and Morty, Loki e Doctor Strange in the Multiverse of Madness, será o encargado de escribir Avengers: Secret Wars para a Marvel Studios.

O anúncio chega xusto despois de que a semana pasada se soubera que Jeff Loveness escribiría o guión de Avengers: The Kang Dynasty, con Destin Daniel Cretton dirixindo o proxecto.

Secret Wars, que será a sexta entrega dos Vingadores no cinema, contará cun director de seu, cuxo nome se dará a coñecer proximamente. Polo de agora o filme ten fixada unha data de estrea para o 8 de novembro de 2025.

Waldron está nestes intres desenvolvendo e escribindo para a Lucasfilm unha longametraxe aínda sen título da saga de Star Wars, que conta coa supervisión de Kevin Feige.