Emmerich levará á Fundación ao cinema

0
256

Isaac AsimovO cineasta alemán Roland Emmerich é o elixido para levar á grande pantalla Fundación, a primeira entrega da saga literária de ciéncia-ficción creada polo mestre do xénero Isaac Asimov. O pasado xoves a Columbia Pictures fixo-se a golpe de talonário cos dereitos cinematográficos da aclamada série literária, gañando-lle a partida á Fox e á Warner. Só tardou un par de días en escoller a Emmerich para lle pór á fronte deste cobizoso proxecto.

O director alemán conta cunha mais ca sobrada experiéncia en superproducións de ciéncia-ficción. Asemade están os éxitos como Independence Day, Godzila, O dia de mañá, Soldado universal, Stargate ou 10.000. Ademais de dirixir, Emmerich tamén será produtor da fita a través da sua compañía, Centropolis Entertainment.

Se o o público responde, as outras duas obras que completan a denominada Triloxia da fundación, Fundación e Império e Segunda Fundación, tamén verán a luz na pantalla grande. Son vários xa os filmes baseados en relatos de Asimov, os últimos e mais coñecidos son Eu, robot, que protagonizou Will Smith ou O home bicentenário con Robin Williams.

Antes de se pór mans á obra coa obra estrela do escritor americano de orixe rusa, Emmerich estreará 2012, outra fita de ciéncia-ficción en ton apocalíptico protagonizada por John Cusack, Woody Harrelson, Thandie Newton e Danny Glover que se enfrentarán ao fin do mundo que o calendário maia prevé para o ano 2012.