Após dunha competida poxa, a Universal Pictures ven de se facer cos dereitos sobre o conto The Caretaker de Marcus Kliewer, para realizar unha película que protagonizará e producirá Sydney Sweeney.
Michael Bay e Brad Fuller, a través do seu selo da Platinum Dunes, e mais Scott Glassgold, da Ground Control, serán tamén os produtores. Sweeney e Jonathan Davino pola súa banda producen por médio da súa compañía, a Fifty-Fifty Films. Karl Gajdusek (Stranger Things) encárga-se de adaptar o guión.
O conto orixinal foi publicado en Reddit polo seu autor, quen vendeu do mesmo xeito outro orixinal á Netflix o ano pasado, We Used to Live Here. O argumento vai neste caso sobre unha rapaza que acepta un traballo de coidadora atopado nun anúncio en Craigslist e descubre que as súas responsabilidades son moito mais grandes e perigosas do que nun princípio coidaba.
As novas chegan tan só unhas horas despois de que se informara que a mesma Sweeney protagonizaría o remake de Barbarella. Para este proxecto, seica até oito pretendentes competiron polos dereitos, pero foi a Universal a que finalmente ofreceu un prezo con sete cifras para gañar a poxa.