Sharmeen Obaid-Chinoy, a realizadora e xornalista paquistani-canadiana gañadora de dous Oscars ao mellor documental en 2012 e 2016, ven de ser confirmada coma a directora dun novo proxecto de filme da saga de Star Wars, que polo de agora se mantén en segredo na Lucasfilm.
O devandito proxecto é unha longametraxe desenvolvida por Damon Lindelof e cuxas primeiras novas se destaparon o pasado mes de marzo. Lindelof está a co-escribir o guión, pero o seu parceiro nesta laboura aínda non se deu a coñecer. Dado que o guión está aínda sen rematar, as datas de comezo da produción están afastadas, pero a contratación dunha directora xa a estas alturas é un sinal a salientar de que tanto a Lucasfilm coma Lindelof queren que Obaid-Chinoy poida achegar a súa visión ao filme canto antes.
Mália que o grao de desenvolvemento do filme semella non estar avanzado, este é o proxecto de Star Wars que vai mais por diante nos estudos.
Obaid-Chinoy dirixiu vários episódios de Ms. Marvel e ademais dos senllos filmes que lle forneceron dous Oscars (Saving Face e mais A Girl in the River: The Price of Forgiveness) recibiu mais recentemente o encargo de se ocupar de Brilliance na Paramount Pictures.
ACTUALIZACIÓN 25.10.22: Os nosos compañeiros de THR revelaron que o misterioso coguionista é o prometedor Justin Britt-Gibson, quen conta con experiéncia na série The Strain. Seica Britt-Gibson fíxo-se co posto após competir contra Patrick Somerville, Rayna McClendon, Andy Greenwald, e se cadra mesmo Dave Filoni.
O filme está pensado coma un proxecto independente, pero que de ter éxito, podería estender-se e permitir o regreso dalgunhas caras coñecidas da última triloxía da saga.