O realizador neoiorquino Antonio Campos dirixirá e será ademais o produtor executivo e showrunner dunha série spin-off de The Batman sobre o asilo de Arkham para a canle HBO Max. O proxecto, que leva en desenvolvemento dende xullo de 2020, viu xa pasar a outros dous guionistas previamente, polo que a chegada de Campos supón a contratación do terceiro escritor.
A série comezou coma unha ideia na que o departamento de policía de Gotham sería o foco principal e tería lugar un ano antes dos acontecementos narrados no filme The Batman. Daquela, Terence Winter ía ser o guionista e produtor executivo. Pero en novembro de 2020 Winter abandonou o proxecto e Joe Barton tomou o temón, decidindo-se que o punto central sería o famoso asilo de dementes e que a série adoptaría un tón de casa enmeigada e de terror. Todo isto conduciu á saída de Barton.
O proxecto é o segundo spin-off que se basea no filme de Matt Reeves, após de que a rodaxe da série The Penguin, protagonizada por Colin Farrell, arrinque a comezos do ano que ven.
Campos traballou anteriormente coma director e showrunner de The Staircase e ten experiéncia atrás das cámaras en episódios de The Sinner e The Punisher e en filmes coma Simon Killer e The Devil All the Time.
Reeves, Daniel Pipski e Adam Kassan serán os outros produtores executivos.