A clásica película de zombis de George Romero Night of the Living Dead terá unha secuela, que producirán conxuntamente a Village Roadshow Pictures e mais a compañía do defunto Romero nun filme que dirixirá Nikyatu Jusu, a responsábel do filme de terror Nanny, que aínda está por se estrear oficialmente, e que acadou o grande prémio do xurado no Festival de Sundance en xaneiro.
Esta nova versión, que non garda relación cun proxecto anterior anunciado en 2021, será unha ampliación da orixinal de 1968 e se está a concibir coma unha posíbel franquía, aínda que os detalles da trama manteñen-se polo de agora en segredo. LaToya Morgan, que conta con experiéncia en The Walking Dead, está a escribir o guión.
“A versión orixinal de Night of the Living Dead segue a ter moita resonáncia a día de hoxe“, dixo Jusu nun comunicado. “Cada época ten o zombi que necesita, e neste momento os zombis reflicten a forma na que os humáns se tratan entre si e nos amosan quen é o verdadeiro monstro“.
Pola súa banda, a ex-muller de Romero, Christine Forrest, quen se encargará da supervisión do proxecto para a Sanibel Films, dixo: “Estou moi emocionada por esta equipa visionária de narradores que se reuniu para ampliar a premisa da película orixinal. Volver a visitar o mundo que George e os seus parceiros crearon vai ser un deleite para os fans. George aledaría-se moito de que isto acontecera“.