Peter Pan: o pesadelo de Nunca Xamais

273

A equipa responsábel da recente longametraxe de terror de baixo orzamento Winnie-the-Pooh: Blood and Honey ven de poñer os ollos noutro persoaxe emblemático cuxos dereitos de autor tamén expiraron: Peter Pan.

O director Rhys Frake-Waterfield non só está a preparar unha secuela ao seu filme con Winnie the Pooh, senón que ademais quere pór en marcha outra versión deturpada dun conto para nenos: Peter Pan: Neverland Nightmare. Polo de agora non se sabe se este filme gardará relación coa série de novelas Nightmare of Neverland de Todd C. Feren, publicadas independentemente a partir de 2018, e que cando menos, levan o mesmo título que este proxecto.

Os dereitos de autor sobre as primeiras obras de J.M. Barrie nas que aparece o persoaxe de Peter Pan, especificamente os contos Little White Bird e Peter and Wendy, están xa no domínio público nos Estados Unidos, mentres que a famosa obra de teatro Peter Pan, que é a base da grande maioría das adaptacións ao cinema, publicou-se orixinalmente en 1928, polo que os seus dereitos non expiran até o ano que ven. En Europa os dereitos caducaran xa en 2007, setenta anos despois da morte do seu autor.

Pola súa banda, o filme Winnie-the-Pooh: Blood and Honey adiou a súa estrea, orixinalmente prevista para o 11 de novembro, para o 15 de febreiro de 2023. A súa recepción por parte da crítica non foi todo o positiva que se agardaba, polo que a exhibición será moito mais reducida do que se planeou.