Shawn Levy dirixirá unha de Star Wars

625

Shawn Levy, o realizador responsábel de Free Guy e Night at the Museum, está en conversas para desenvolver unha nova película da franquía de Star Wars que el mesmo dirixirá. Polo momento os detalles do argumento están en segredo e aínda non hai ningún protagonista contratado.

Levy porá-se a traballar neste proxecto en canto remate a terceira entrega de Deadpool, que protagonizan Ryan Reynolds e Hugh Jackman para a Marvel e a Disney.

O canadiano atópa-se nestes intres na fase de post-produción da série limitada All the Light We Cannot See para a Netflix, e ten previsto dirixir cando menos dous episódios da quinta e derradeira tempada de Stranger Things, da que ademais é produtor executivo dende o seu princípio.

Coa entrada de Shawn, anunciou-se asemade que J.D. Dillard xa non está vencellado ao proxecto que ía dirixir a partir dun guión de Matt Owens (Luke Cage). Dillard, que leva ademais algún tempo tentando producir un proxecto de secuela de The Rocketeer, confesou que lle gustaría facer mais adiante un filme de Star Wars baseado nos pilotos de TIE Fighter.

En todo caso, este filme de Shawn úne-se a outros proxectos aínda en marcha dentro de Star Wars: a película que dirixirá Sharmeen Obaid-Chinoy con guión de Damon Lindelof, anunciada hai un par de semanas, e mais as de Taika Waititi e Patty Jenkins, que levan mais tempo en xestación.