A procura do elenco de protagonistas de Welcome to Derry está xa en marcha. A série da HBO Max que servirá coma precuela da franquía de IT precisa nestes intres un actor negro de trinta e tantos anos, que debe ser un “militar patriota” e que terá un papel salientábel nos acontecementos. Na série, o persoaxe vive en Derry nos anos 60 e está a tentar unir á comunidade nuns intres difíciles.
Ademais, a HBO quere atopar un grupo de nenos para vários papeis de protagonistas, posibelmente o que sería unha versión do “clube dos perdedores” que aparece en IT.
O primeiro dos dous filmes da franquía ten lugar ao redor do ano 1988 ou 1989. Polo tanto, e dado que Pennywise aparece cada vinte e sete anos, isto significaría que a série estará ambientada durante os primeiros anos da década de 1960.
O tón de Welcome to Derry será en calquera caso mais sanguento e con mais violéncia ao narrar as orixes do pallaso Pennywise, as cales mais ou menos xa comezaron a se explorar en IT: Chapter Two.
Andy Muschietti, que dirixiu ambos filmes, será o produtor executivo da série, xunto a Barbara Muschietti e Jason Fuchs. Os tres son os responsábeis do desenvolvemento da história, con Fuchs escribindo o guión e Andy Muschietti dirixindo polo menos o primeiro episódio.
Os dous filmes recadaron conxuntamente mais de 1.100 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo.