A Lionsgate lánza-se ás rúas da carraxe

663

A Lionsgate ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema a emblemática saga de videoxogos Streets of Rage da compañía xaponesa Sega.

O guionista de Nobody e creador da franquía canina John Wick, Derek Kolstad, escribiu o guión baseándo-se no clásico xogo arcade, no que un ex oficial de policía loita en solitário contra unha banda enteira de criminosos.

Por suposto, os detalles do argumento non se coñecen polo de agora, pero xa se sabe que haberá alguén con experiéncia nisto de levar videoxogos de acción ao cinema, porque a empresa encargada da saga de Sonic, a dj2 Entertainment, ocupará-se da produción do filme xunto á compañía Escape Artists, responsábel pola súa banda de The Equalizer.

Kolstad, Toru Nakahara, Dmitri M. Johnson, Timothy I. Stevenson, Dan Jevons, Todd Black, Jason Blumenthal e mais Tony Shaw serán os produtores.

Esta non será a primeira adaptación de Streets of Rage a outros médios, porque a principios dos anos 90 apareceron tres séries de cómics baseadas nos videoxogos e en 1994 publicou-se unha novela gráfica titulada Streets of Rage: Bad City Fighters. A entrega mais recente da saga, Streets of Rage 4, apareceu en abril do ano pasado, acadando boas cifras de vendas e críticas positivas dos fans.