A empresa xornalística conservadora The Daily Wire, propiedade do polemista de estrema dereita Ben Saphiro, ven de se facer cos dereitos exclusivos para levar ás pantallas a novela Atlas Shrugged que a escritora Ayn Rand publicou en 1957, coa ideia de adapta-la para unha série de televisión e emiti-la a través da súa canle privada Dailywire+.
A novela de mais de mil páxinas ten coma protagonista a Dagny Taggart, unha executiva dunha empresa de camiños de ferro que tenta manter competitiva a súa corporación nuns Estados Unidos distópicos onde as empresas privadas sofren baixo fortes regulacións do governo. Taggart alía-se co magnate do aceiro Hank Rearden para construír unha vía transcontinental, pero descubre que un misterioso home chamado John Galt está convencendo a outros empresários para que abandoen as súas compañías e creen unha nova sociedade ultracapitalista.
A parte mais salientábel da novela é un discurso de 50 páxinas onde Galt promove a súa filosofía, á que a autora chama obxectivismo. Ao longo dos últimos anos houbo vários esforzos sen éxito para facer versións para o cinema. Charlize Theron e Angelina Jolie estiveron vencelladas a proxectos anteriores.
Porén entre 2012 e 2014, o empresário John Aglialoro logrou producir unha triloxía de filmes de baixo orzamento, que non puido nin tan sequera manter aos mesmos actores protagonistas ao longo das tres entregas.
Para este novo proxecto, os produtores serán de novo Aglialoro, xunto a Jeremy Boreing, Shapiro, Caleb Robinson, Dallas Sonnier, Harmon Kaslow e Amanda Presmyk.