A MGM+, a canle anteriormente coñecida coma Epix, ven de encargar a produción dunha série de acción real titulada Silk: Spider Society á Sony Pictures Television.
O proxecto, un spin-off de Spiderman, suporá a primeira vez que se leve ás pantallas de televisión aos persoaxes da Marvel que son propiedade da Sony Pictures, e isto inclúe a mais de 900 persoaxes, segundo mencionou a cadea nun comunicado.
A série dos cómics foi creada por Dan Slott e Humberto Ramos, e céntra-se en Cindy Moon, unha rapaza coreano-americana que resultou trabada pola mesma araña que converteu a Peter Parker en Spiderman.
Nos cómics, Cindy desenvolve poderes que non pode controlar e atrae a atención do superfalcatruán Morlun, polo que o millonário Ezekiel Sims decide encerra-la nun búnquer para protexe-la. A acción seguirá a Cindy, quen tras fuxir do seu encerro busca á súa família desaparecida mentres tenta converter-se na superheroína coñecida coma Silk.
A produtora executiva de The Walking Dead Angela Kang será a showrunner. Ela mesma desenvolveu a série xunto aos produtores de Spider-Man: Into the Spider-Verse Phil Lord, Christopher Miller e Amy Pascal.
A data de estrea de Silk: Spider Society aínda está por determinar, pero ao cabo estará dispoñíbel en todo o mundo a través da Amazon Prime Video.