O lendário guionista de cómic Frank Miller está a levar adiante un proxecto co que creará, escribirá e producirá unha série de televisión en seis episódios con acción real que adaptará as novelas gráficas da saga de Corto Maltese orixinais do italiano Hugo Pratt.
Nos cómics, Corto Maltese é un enigmático capitán de barco que vive as súas aventuras a comezos do século XX. O cómic narra dende acontecementos históricos directos até secuéncias de soños ocultos. Maltese está presente cando o Barón Vermello é derrubado, axuda aos xívaros de Sudamérica e fuxe dos fascistas en Venezia, pero tamén axuda involuntariamente ao meigo Merlín e Oberón a defender Británia e visita o continente perdido de Mu.
A série orixinal, creada en 1967 e que apareceu ao longo de 12 novelas gráficas até 1988, é considerada universalmente coma unha das mellores obras artísticas e literárias do mundo do cómic. Para esta ocasión, Miller asociará-se coa produtora francesa StudioCanal e coa canle de televisión Canal+.
Miller, entre cuxas obras mais salientábeis atópan-se clásicos coma The Dark Knight Returns, Batman: Year One, Ronin ou 300, dixo nun comunicado: “Descubrín Corto Maltese lendo os libros en Forbidden Planet en New York cando era novo. Logo, nas miñas viaxes, estudei e descubrín unha edición nun quiosco de Roma. As ilustracións eran tan expresivas e atrevidas que saltaban do papel do xornal. Engaiolou-me. Estaba cheio de máxia e aventuras románticas. Maltese é un pillabán que podía falar cos deuses. Para min, isto amosa o poder do cómic, onde o idioma non é unha grande barreira. Dende aquela son un fan de Corto Maltese. Esta é a viaxe do heroe na súa forma mais clásica, e non podería estar mais honrado de axudar a levar a esta série o romanticismo, o heroísmo e o misticismo subxacente da creación de Pratt“.
Miller, Silenn Thomas e mais Jemma Rodgers serán os produtores executivos, e coménta-se que Phil Tippett podería supervisar os efectos especiais da adaptación.