Del Toro considera animar á Loucura

592

Após do éxito do seu filme en parada de imaxe Pinocchio, que está a ser gabado coma un dos mellores do ano, Guillermo del Toro está a se formular novos retos, e algúns deles inclúen vellos proxectos nunca levados a cabo.

Por suposto, entre estes últimos está a novela curta de H.P. Lovecraft At The Mountains Of Madness, que agora podería ter unha nova oportunidade. En recentes declaracións, o realizador mexicano revelou que ven de falar co gurú dos efectos especiais e do cinema de animación Phil Tippett (Mad God) verbo da posibilidade de converter a súa adaptación do libro orixinal nunha longametraxe de debuxos animados en stop-motion:

Dixen que sería ideal facer At The Mountains Of Madness en parada de imaxe. Vé-se a animación dunha maneira mais vehemente que coa acción en vivo. É case un acto hipnótico, e a relación coa história vólve-se mais íntima dese xeito“.

Del Toro leva case vinte anos tentando realizar unha adaptación do relato de terror de Lovecraft de 1936, e hai unas semanas compartiu unhas imaxes dun dos monstros xeradas por computadora creadas coma proba hai anos. Por mor do seu alto orzamento e polo seu tón posibelmente gore, o filme continúa a ser difícil de facer, pero de se levar adiante o proxecto coma animación, e particularmente coma animación en stop-motion, resultaría mais doado, barato e axeitado de narrar.

A história orixinal de Lovecraft vai sobre unha exploración na Antártida que descubre os restos dunha civilización extra-terrestre, pero no decurso da escavación, outras criaturas saen do seu letargo. Tom Cruise e James Cameron estiveron vencellados ao proxecto para traballaren con del Toro na adaptación con acción real, pero esta nunca obtivo a luz verde dos estudos.