A criminosa temporal

1043

O realizador responsábel de Uncharted e Venom, Ruben Fleischer, dirixirá a adaptación para o cinema da novela gráfica Marjorie Finnegan, Temporal Criminal orixinal de Garth Ennis e mais o debuxante croata Goran Sudžuka e publicada en 2021 pola AWA Studios, unha editorial creada por ex-membros da Marvel Comics.

A série de cómic, que consta de oito números, é unha epopea de viaxes no tempo cheia de acción e que narra as aventuras de Finnegan, unha ladroa que percorre os planos temporais roubando todo o brillante que cae nas súas mans.

Porén o seu rastro de latrocínio dende o Big Bang até o 95º Reich atraeu a ollada da Policía Temporal, cuxo alguacil axunto número un está a lle pisar os talóns e está a se tomar as cousas moi en sério.

Mentres tanto, o desprezábel do seu ex e mais o seu parceiro mais ruín pretenden utilizar a súa tecnoloxía temporal para mudar a história no seu própio benefício. Finnegan pola súa banda conta tan só cun único aliado, unha cabeza sen corpo chamada Tim.

Catya McMullen adaptará o guión e Fleischer, Elias Gertler e Zach Studin serán os produtores.