O creador de The Haunting of Hill House, Mike Flanagan, e mais seu parceiro en labouras de produción Trevor Macy veñen de se facer cos dereitos para levar ás pantallas de televisión a saga The Dark Tower de Stephen King.
Flanagan e Macy revelaron as novas nunha entrevista co gallo da súa fichaxe pola Amazon, despois de traballaren durante anos en diversos proxectos coa Netflix: “Antes do noso acordo coa Amazon, adquirimos os dereitos de The Dark Tower, que, se me coñeces, sabes que foi o meu Santo Graal durante case toda a miña vida“, dixo Flanagan, que ademais engadiu: “De feito, eses dereitos están incluídos no noso acordo coa Amazon, o que non significa que non poidan ou non vaian facer-se con eles nalgún intre, non se sabe. Pero é algo que estivemos a desenvolver nós mesmos e apaixoa-nos a ideia de poñe-lo en marcha nalgún intre“.
A Amazon tiña anteriormente os dereitos de The Dark Tower e estaba a traballar nun proxecto que só chegou á fase de piloto. Eses dereitos caducaron e Flanagan e Macy fixéron-se con eles antes de se sentar a negociar o seu novo contrato, que foi anunciado o pasado día 1. Nombergantes, isto non significa necesariamente que a série remate na Prime Video.
Flanagan dixo que a súa visión é a dunha série de cinco tempadas, e mais dúas longametraxes independentes que a continúen.
A compañía de Macy e Flanagan, a Intrepid, mantiña un acordo coa Netflix, baixo o cal se produciron séries de terror coma The Haunting of Hill House, The Haunting of Bly Manor e mais a polémica Midnight Mass. O seu cuarto proxecto, The Midnight Club, fracasou e foi cancelado hai uns días, mentres que o derradeiro está aínda por aparecer, a série limitada The Fall of the House of Usher, que polo de agora aínda non ten data de estrea anunciada.
Baixo o selo da Intrepid producíron-se ademais outros filmes baseados en novelas de King, coma Doctor Sleep e mais Gerald’s Game.