Benjamin Button aos Oscars

842

Benjamin ButtonO curioso caso de Benjamin Button lidera as nominacións aos Oscar de Hollywood con 13 candidaturas, entre as que se inclúen as de millor filme, segundo ven de anunciar hoxe mesmo a Académia de Cinema dos Estados unidos. O filme acadou ademais nominacións ao millor actor, para Brad Pitt, á millor actriz, para Taraji P. Henson, e ao millor director, David Fincher.

O gañador póstumo do Globo de Ouro Heath Ledger, pola súa banda, acadou unha nominación ao millor actor secundário polo seu papel do Joker no filme O Cabaleiro Escuro. A aclamada secuela de Batman non puido facer-se con máis nominacións ás categorías mais salientábeis dos Oscar, ainda que era unha das grandes favoritas a millor filme e millor director, e tivo que se contentar cunha chea de nominacións a Oscars de menor calado, coma a millor realización, efectos especiais e edición.

A ciéncia-ficción, a fantasía e o sobrenatural ficaron coma adoita ser habitual iñorados polos membros da Académia entre as categorías importantes. Iron Man e Hellboy II: O Exército Dourado acadaron nominacións en categorías de tipo técnico.

Os que si tiveron algo mais de sorte foron os filmes de debuxos animados, xa que entre os nominados hai tres de xénero fantástico: Bolt, Kung Fu Panda e WALL-E.

WALL-E ademais acadou unha nominación ao millor guión orixinal, algo que non é nada habitual para un filme de debuxos animados, e outra nominación para a millor canzón orixinal.

A cerimónia de entrega dos Oscars terá lugar o vindeiro 27 de febreiro en Hollywood, Califórnia.