Luz verde para o deus da guerra

546

A Amazon Prime Video ven de aprobar a produción da série de televisión baseada na franquía de videoxogos da PlayStation God of War.

Rafe Judkins (The Wheel of Time) será o showrunner, mentres que os nominados ao Oscar Mark Fergus e Hawk Ostby (Children of Men, The Expanse) serán os guionistas e produtores executivos.

A Sony Pictures Television, a Amazon Studios e mais a PlayStation Productions producirán o proxecto, que narrará a liña argumental dos dous xogos a partir do seu relanzamento de 2018.

Neses títulos, un guerreiro chamado Kratos exília-se do seu pasado sanguento na antiga Grécia e colga as armas para sempre no reino nórdico de Midgard. Cando a súa amada esposa morre, Kratos emprende unha perigosa viaxe co seu fillo para esparexer as súas cinzas dende o cúmio mais alto: o derradeiro desexo da súa muller. Porén Kratos axiña decáta-se de que a viaxe é unha procura épica que porá a proba os vencellos entre pai e fillo e obrigará a Kratos a loitar contra novos deuses e monstros polo destino do mundo.

A franquía obtivo grandes loubanzas e a entrega de 2018 gañou o prémio ao mellor videoxogo do ano. A mais recente, God of War Ragnarok, debutou en novembro e gañou igualmente a maioría de prémios na gala deste ano.

A série ven deste xeito a se sumar a outras baseadas en videoxogos, incluíndo moitas na Amazon, coma Fallout e Mass Effect, xunto a The Last of Us na HBO, Twisted Metal na Peacock e Assassin’s Creed e Horizon na Netflix.

O director creativo da Santa Monica Studio, Cory Barlog, Asad Qizilbash e Carter Swan da PlayStation Productions, e mais Yumi Yang e Roy Lee, tamén participan coma produtores executivos.