Cavill despíde-se de Superman

642

Após de non poucas especulacións sobre o futuro da franquía do Home de Aceiro no cinema, o novo xefe da DC Studios James Gunn ven de confirmar que el e mais o seu co-presidente Peter Safran están dispostos para comezar unha nova era. O mais salientábel é que haberá un novo filme de Superman, que contará cun guión do mesmo Gunn, pero que xa non contará con Henry Cavill coma protagonista.

No seu comunicado, Gunn dixo: “Peter e mais eu temos unha lista de DC preparada para saír, pola que non poderiamos estar mais entusiasmados; poderemos compartir algunha información emocionante sobre os nosos primeiros proxectos a princípios do novo ano. Entre eles atópa-se Superman. Nas fases iniciais, a nosa história centrará-se nunha parte anterior da vida de Superman, polo que o persoaxe non será interpretado por Henry Cavill. Pero vimos de ter unha grande xuntanza con Henry, somos grandes admiradores e falamos dunha série de posibilidades apaixonantes para traballarmos xuntos no futuro“.

Agárda-se que o novo filme de Superman estea enfocado na era na que Clark Kent era un mozo xornalista en Metropolis e cando atopou por primeira vez á súa colega Lois Lane.

Gunn dixo que leva traballando no guión xa un tempo e que polo de agora non hai un director, se ben os rumores apuntan a Ben Affleck, quen seica mantivo algunhas xuntanzas coa nova parella de presidentes da DC.

Cavill pola súa banda amosou-se moi cabaleiroso e publicou un chío en Twitter, no que di: “Veño de ter unha xuntanza con James Gunn e Peter Safran, e son novas tristes. Despois de todo, non volverei a ser Superman. Despois de que os estudos me pediran que anunciara o meu regreso en outubro, antes de que me contrataran, esta nova non é a mais doada, pero así é a vida. O cámbio de garda é algo que acontece. Eu o respecto. James e Peter teñen un universo que construír. Deséxo-lles a eles e a todos os implicados no novo universo a mellor das sortes e a mais feliz das fortunas. Para aqueles que estiveron comigo ao longo dos anos… poderemos chorar un pouco, pero logo debemos relembrar. Superman segue existindo, todo o que representa segue existindo, e os exemplos que dá, seguro que seguen aí! A miña rolda de levar a capa pasou, pero o que Superman representa nunca o fará. Foi unha viaxe divertida con todos vós, adiante e arriba!“.

En todo caso, o novo proxecto de Superman de Gunn non substituirá ao concepto do Superman negro de J.J. Abrams e Ta-Nehisi Coates anunciado anteriormente, que continúa en desenvolvemento.