A Amazon pecha o acordo por Warhammer 40K

656

Após de meses de negociacións, a Amazon está a pechar os derradeiros flocos para se facer cos dereitos para levar ás pantallas nunha série de televisión a franquía de Warhammer 40,000, para a cal Henry Cavill está vencellado coma protagonista e produtor executivo. Polo momento non hai un showrunner, e todo o que se sabe é que a Vertigo Entertainment participará tamén coma produtora.

Warhammer 40,000 é o wargame de miniaturas mais famoso do mundo, producido pola Games Workshop, e ambientado nun universo de ciéncia-ficción distópica. O xogo foi creado por Rick Priestley e Andy Chambers en 1987 coma acompañamento futurista para outro xogo, o Warhammer Fantasy Battle, co que comparte a mesma mecánica. Warhammer 40K deu lugar a unha grande cantidade de produtos derivados, entre eles novelas, videoxogos, xogos de mesa coma Space Hulk ou Battlefleet Gothic, e unha película de debuxos animados estreada en 2010.

A história da franquía desenvólve-se nun futuro moi afastado, cando unha civilización humana estancada é acosada por alieníxenas hostiles e criaturas sobrenaturais. A guerra, a traizón, a tiranía, o xenocídio e a destrución son a forma de vida habitual de billóns de indivíduos e dúcias de razas ao longo de millóns de planetas.

Os modelos no xogo son unha mestura de humáns, áliens e monstros sobrenaturais, que portan armas futuristas e poderes extraordinários. Entre as razas hai Orkos, Eldars, Tiránidos, Necróns e mais os Tau, que son unha enorme ameaza para a supervivéncia da humanidade.

Cavill é un fan de toda a vida do universo da Warhammer, e xunto a outros actores, coma Rahul Kohli (Midnight Mass, The Haunting of Bly Manor) publican decote os seus traballos de pintura e modelaxe nas súas contas nos médios sociais.

ACTUALIZACIÓN: Nun post na súa conta de Instagram, Cavill confirmou a nova: “Durante 30 anos soñei con ver un universo Warhammer en acción real […] Ter un fogar coma Amazon dará-nos a liberdade de ser fieis ao enorme alcance de Warhammer. A todos os fans da Warhammer, prometo-lles respectar a propiedade intelectual que amamos. Prometo-vos traer algo familiar. E esforzarei-me por vos traer algo fantástico que, até agora, nunca se viu“.