Death Stranding achéga-se aos cinemas

634

O célebre autor de videoxogos Hideo Kojima e mais o seu selo Kojima Productions van-se asociar coa Hammerstone Studios (Barbarian) para desenvolveren e produciren unha adaptación ao cinema do aclamado xogo da Kojima Death Stranding.

A história terá lugar no mesmo universo có xogo, pero introducindo asemade novos elementos e persoaxes. O proxecto está-se a desenvolver pola vía rápida, se ben aínda non se decidiu quen serán o guionista e mais o director.

Con mais de dez millóns de cópias vendidas en todo o mundo dende o seu lanzamento en 2019 coma exclusiva para a PlayStation (actualmente tamén en PC), o xogo está ambientado nun mundo despois de que un acontecemento catastrófico levara a que criaturas destrutivas vadiaran pola Terra e que a sociedade ficara devastada.

Os xogadores asumen o papel de Sam Bridges (Norman Reedus), un mensaxeiro que leva subministros a colónias illadas e as reconecta a través dunha rede de comunicacións sen fíos. Mads Mikkelsen, Lea Seydoux, Margaret Qualley, Troy Baker, Lindsay Wagner e mais os directores Nicolas Winding Refn e Guillermo del Toro prestaron as súas voces e imaxes para este xogo, que se fixo con críticas moi positivas pola súa actuación, a banda sonora e mais os efectos visuais, aínda que a história e mais o sistema de xogo non foron tan ben recibidos.

Nun comunicado, Kojima dixo: “Non podería estar mais entusiasmado con esta nova asociación coa Hammerstone Studios. Este é un momento crucial para a franquía, e estou desexando colaborar con eles para levar Death Stranding á pantalla grande“.

A Hammerstone fornecerá o financiamento do filme, que será producido por Kojima e Alex Lebovici. Este último dixo que esta versión será “moito mais íntima e realista” que outras adaptacións de videoxogos de grande orzamento, e “o noso obxectivo é redefinir o que pode ser unha adaptación dun videoxogo cando se ten liberdade creativa e artística“.

A semana pasada, a Kojima Productions anunciara que estaban xa a traballar nunha secuela de Death Stranding para a PlayStation 5, na que o mesmo Hideo Kojima será o guionista, director, produtor e deseñador.