Glover quere ser o falcatruán Hypno-Hustler

437

Donald Glover protagonizará e producirá un spin-off de Spider-Man ambientado no universo de persoaxes da Marvel Comics da Sony Pictures.

Myles Murphy, fillo do actor e cómico Eddie Murphy, escribirá o proxecto, que polo de agora aínda non ten título, pero estará baseado no sinistro falcatruán Hypno-Hustler.

Creado en 1978 polo mesmo responsábel de Rocket Racoon, Bill Mantlo, Hypno-Hustler é Antoine Delsoin, o líder dunha banda musical chamada os Mercy Killers, quen utilizan nos seus instrumentos tecnoloxía de hipnose contra o seu público para lles roubar.

O persoaxe aparece habitualmente nas listas dos peores superviláns dos cómics, pero seica Glover ficou interesado polo seu lado musical e a falla de versións anteriores nas pantallas. Ademais, tamén permite todo tipo de variacións na música a empregar, xa sexa unha versión hip-hop moderna, unha obra de época cun tema disco ou unha história ciberpunk ambientada no futuro.

Glover xa apareceu brevemente nunha escena eliminada de Spider-Man: Homecoming na que se insinuaba que era o tío de Miles Morales. Tamén lle puxo a voz ao mesmo Miles Morales na série da Disney XD Ultimate Spider-Man.

A Sony pola súa banda continúa coa súa série de películas de persoaxes de Spider-Man, que comezou con Venom e Morbius e que continuará axiña con Kraven the Hunter e Madame Web, a estrear para o ano que ven.