Para evitarmos ficar só coas malas lembranzas deste ano, imos presentar a nosa listaxe dos dez mellores filmes que o xénero fantástico nos regalou (ou mais ben nos vendeu!) ao longo de 2022, o primeiro que podemos considerar post-pandémia. Por suposto, estes son os nosos favoritos, pero coma sempre, cómpre subliñar que para nós, o cinema é sobre todo entretemento, e se cadra, tamén algo de arte. Así que os nosos gustos non irán moi lonxe do que foron os que mais éxito de público acadaron, aínda que a crítica non opinase o mesmo.
Polo tanto e sen mais demora, en orde descendente para lle dar algo de emoción, aí van os nosos favoritos de 2022.
10. LOLA
Película anglo-irlandesa de ciéncia-ficción dirixida por Andrew Legge, quen debuta coma realizador de longametraxes, e protagonizada por Emma Appleton e Stefanie Martini.
En 1940, as irmás Thom e Mars Hanbury viven sosiñas nunha casa de campo após da morte dos seus pais. Alí constrúen unha máquina, chamada L.O.L.A., que pode interceptar as emisións de rádio e televisión do futuro. Isto permite-lles escoitar música antes de que se compoña ou facer apostas sabendo o resultado de antemán. Porén, cando deciden usar a máquina para axudar á intelixéncia militar a gañar a guerra, o resultado será un futuro distinto do previsto.
Chegando coma a proba definitiva de que aínda é posíbel facer bó cinema cun orzamento non esaxerado e cunha ideia central escoitada xa moitas veces, LOLA amosa persoaxes que manteñen a súa humanidade no primeiro plano. A história de Legge está moi ben contada, é complexa e dá resposta a algunhas das preguntas mais habituais da ciéncia-ficción, pero tamén pode ser realmente arrepiante, especialmente coa incorporación de telexornais antigos manipulados.
9. Vesper
Filme lituano de ciéncia-ficción dirixido por Kristina Buožytė e Bruno Samper, protagonizado por Raffiella Chapman, Eddie Marsan, Rosie McEwen e Richard Brake.
Ambientado nunha sombriza Terra postapocalíptica, o argumento vai sobre unha nena de 13 anos experta en biohacking. Após de que a humanidade tentara en van evitar a crise ecolóxica investindo en tecnoloxía xenética, os virus e organismos modificados escaparon á natureza, rematando coas plantas comestíbeis, os animais e as grandes povoacións. Agora unha oligarquía prospera en cidades pechadas mentres todos os demais loitan por sobrevivir. Para se alimentar, a xente depende dos sementes, pero estas están codificados para produciren unha soa colleita.
Vesper é unha película de ciéncia-ficción distópica fascinada coa supervivéncia, cunha sofisticada realización técnica acadada cun orzamento moi inferior ao das grandes producións de Hollywood. Con toques de conto de fadas clásicos, é un grande exemplo do que a ciéncia-ficción europea necesita presentar aos afeccionados.
8. Dual
Un thriller satírico de ciéncia-ficción escrito, dirixido e producido por Riley Stearns. Protagonizada por Karen Gillan, Beulah Koale, Theo James e Aaron Paul, o argumento vai sobre unha muller que ten que loitar a morte contra un clon de si mesma tras de se recuperar inesperadamente dunha enfermidade terminal.
Nun futuro próximo, Sarah é unha alcólica deprimida que mantén unha mala relación co seu mozo e coa súa nai. Un día esperta e atopa un charco de sangue na cama, descubre que ten unha enfermidade fatal e que ten un 98% de posibilidades de morrer.
Dual é de feito unha comédia moi espelida, pero as risas non proveñen dos chistes senón da representación da realidade, co medo á morte, á intimidade e a sermos esquecidos coma temas centrais. A grande interpretación de Killian, que non é unha descoñecida no xénero fantástico (xenial en Oculus, 2013) é un plus que ningún afeccionado se pode perder.
7. Something in the Dirt
Comédia americana de ciéncia-ficción escrita por Justin Benson e dirixida e protagonizada por Benson e Aaron Moorhead, na súa quinta película xuntos.
Levi Danube e John Daniels son amigos e veciños. Levi traballa de camareiro, tende a beber de mais e é o mais relaxado dos dous amigos. John é fotógrafo e actualmente está solteiro. Unha tarde observan unhas estrañas luces sobre o apartamento e deciden rodar un documental sobre estes sucesos. Ao princípio supoñen que é unha pantasma, pero tamén podería tratar-se de extra-terrestres, dunha misteriosa sociedade secreta ou de máxia. Porén, a súa amizade comeza a se cambalear cando tentan descubrir a verdade.
Mirar este filme é un pouco coma dar un paseo por todas e cada unha das conspiracións da actualidade, mesturadas sen moito senso, pero é que acaso teñen senso as conspiracións? É algo estraño e enmeigador ver aos protagonistas acusar-se o un ao outro con frases das que temos que lér todos os días nas redes sociais: “A quen lle importa o que digan os expertos? Eu fago a miña propia investigación”. Benson e Moorhead amosan unha vez mais que saben e poden producir un filme excepcional e altamente orixinal cunha pequenísima fracción do orzamento dos grandes realizadores de Hollywood, e o mundo do cinema ten que llo agradecer, porque é mellor grazas a eles.
6. After Yang
Aínda que a data oficial deste filme é 2021, cando se presentou en Cannes, ímo-lo considerar para a listaxe deste ano porque a súa estrea real foi en 2022, e de feito non chegou a Galiza até o pasado mes de outubro, estreada na Netflix e por certo con versión subtitulada.
A película é unha adaptación cinematográfica de ciéncia-ficción escrita, dirixida e montada polo realizador surcoreano Kogonada, baseada á súa vez no conto Saying Goodbye to Yang de Alexander Weinstein. Protagonizada por Colin Farrell, Jodie Turner-Smith, Justin H. Min, Malea Emma Tjandrawidjaja e Haley Lu Richardson, vai sobre os intentos dunha família por reparar ao seu fillo robótico.
Jake e Kyra viven coa súa filla adoitada Mika e con Yang, un neno-robot que mercaron a un revendedor en lugar do seu fabricante orixinal, a empresa Brothers & Sisters Incorporated. Cando Yang deixa de funcionar, Jake tenta repara-lo, pero a Brothers & Sisters recomenda substitui-lo por outro robot. Porén Jake non quere separar a Mika do seu irmán Yang.
A película aborda moitas cuestións, coma a perda, a nosa dependéncia da tecnoloxía e mas a humanidade duns persoaxes que viven nun mundo que ameaza con ser real, no que a cámbio de pequenos praceres insignificantes temos que entregar a nosa intimidade.
5. Nope
Un neo-Western americano de ciéncia-ficción e terror escrito, dirixido e coproducido por Jordan Peele. Protagonizada por Daniel Kaluuya e Keke Palmer, no papel duns irmáns que se adican á cría de cabalos e que intentan obter probas dun ovni.
Após da morte do pai da família Haywood, os seus fillos OJ e Em herdan o rancho. Para mantér o negócio a salvo, OJ vende algúns cabalos a Jupe Park, un ex-actor que ten un parque temático no que explota o seu traumático pasado nunha série de televisión, cando un chimpancé toleou e matou aos outros coprotagonistas.
A história, con moito suspense, está contada dun xeito non liñal, cunha cheia de flashbacks, obrigando ao espectador a comprender o comportamento e mais a reacción dos actores protagonistas, que non son meros clixés senón persoaxes con profundidade. Pero tamén contén grandes doses de meta-humor, coma as constantes escenas con olladas cara enriba, ao mais clásico xeito spielbergián. En calquera caso, a súa alta orixinalidade e a grande interpretación de Kaluuya e Steven Yeun (Jupe Park) fan-a merecedora de estar entre as mellores do ano.
4. Doctor Strange and the Multiverse of Madness
Película de superheroes da Marvel Studios protagonizada por Benedict Cumberbatch, é a secuela de Doctor Strange (2016) e a entrega número 28 do Universo Cinematográfico Marvel. Dirixida por Sam Raimi e con guión de Michael Waldron.
America Chavez e mais unha versión de Stephen Strange son perseguidos por un demo no espazo entre universos mentres buscan o Libro de Vishanti. Strange morre e Chávez crea accidentalmente un portal que a transporta a ela e ao cadáver de Strange á Terra-616, onde a versión de Strange dese universo rescata a Chavez doutro demo coa axuda do Feiticeiro Supremo, Wong.
Nun ano no que o xénero de superheroes semella estar dando as súas últimas bocaladas e dirixir-se xa só ao público mais entregado e fiel, Doctor Strange and the Multiverse of Madness foi a excepción positiva. Cunha brillante dirección do Raimi mais desatado, cheia de acción, cun guión rebiricado que presenta unha lexión de heroes e falcatruáns e cunha xenial banda sonora de Danny Elfman, a película non pasará á história por ser a mellor da Marvel, pero si coma a súa mellor deste ano.
3. Guillermo del Toro’s Pinocchio
Película de fantasía musical animada en stop-motion dirixida por Guillermo del Toro e Mark Gustafson (quen debuta como director de longametraxes) con guión de del Toro e Patrick McHale, baseada na clásica novela italiana de 1883 Le avventure di Pinocchio de Carlo Collodi. A história é reimaxinada no decurso da Primeira Guerra Mundial, cando un monicreque de madeira cobra vida como fillo do carpinteiro Geppetto, quen ven de perder ao seu fillo Carlo durante un bombardeo aéreo.
Aínda non sendo fans do material orixinal, esta versión é, coma toda a obra de Del Toro, especialmente sinistra e visualmente impactante, cheia de incríbeis efectos, unha história dramática que lle dá unha volta de rosca ao estereotipado conto infantil doutras versións, unha boísima banda sonora asinada por Alexandre Desplat e mais un elenco de superluxo (Ewan McGregor, Ron Perlman, John Turturro, Cate Blanchett, Christoph Waltz…)
2. Avatar: The Way Of Water
Estreada apenas dúas semanas antes do remate do ano, a segunda entrega da saga de Avatar xa leva recadados mais de 1.100 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo, o que a converte de feito na película con maior éxito de público de 2022. O filme é pura ciéncia-ficción épica dirixida por James Cameron, quen coescribiu o guión xunto a Rick Jaffa e Amanda Silver.
Mais de dez anos despois de que os Na’vi rexeitaran a invasión humana de Pandora por parte da Administración para o Desenvolvemento de Recursos (RDA), Jake Sully é agora o xefe do clan Omaticaya e forma unha familia con Neytiri, que inclúe aos fillos Neteyam e Lo’ak, a filla Tuk, a filla adoptiva Kiri (nacida do avatar de Grace Augustine) e mais a un neno humano chamado Spider, fillo do coronel Quaritch, que naceu en Pandora e non puido ser transportado á Terra en criostase por mor da súa curta idade. Daquela, a RDA regresa para preparar Pandora para a colonización humana, porque a Terra está a morrer.
Espectacular é un adxectivo que xa ficara moi curto para Avatar, pero para esta segunda parte sería unha definición simplemente ruín. A história en si é certamente básica e o diálogo e os clichés que gasta non son nada a salientar, pero falando só visualmente, Avatar 2 é unha experiéncia máxica que non che podes perder se es minimamente afeccionado ao xénero de fantasía.
1. Everything Everywhere All At Once
Filme americano de comédia e drama absurdo escrito e dirixido por Daniel Kwan e Daniel Scheinert, que o produciron xunto aos irmáns Anthony e Joe Russo. O argumento vai sobre unha inmigrante chinesa-americana (interpretada por Michelle Yeoh) quen mentres pasa unha auditoría de Facenda, descubre que debe conectar con versións de si mesma en universos paralelos para evitar que un poderoso ser destrúa o multiverso.
A grande sorpresa do ano, cunha Michelle Yeoh inmensa, o filme é elaborado, puído, cun argumento frenético, detallado e aberto ao drama, á comédia e á introspección duns persoaxes que dan o mellor de si mesmos, nunha mostra de desesperación por existiren. Cun pouco de todo (artes marciais, fantasía, ciéncia-ficción, comédia sinistra) Everything Everywhere All At Once ofrece pura acción e anarquía trepidantes, pero ao cabo o importante será a relación entre nai e filla, e entre a muller e mais o seu home, co transfundo dunha família de inmigrantes nun país que os recibe coa condición de esqueceren as súas orixes.