Giacchino fará o remake de Them!

376

Após do éxito no seu debut coma director co especial da Marvel Werewolf by Night no pasado mes de outubro, o compositor Michael Giacchino (dobre gañador do Oscar á mellor banda sonora en 2007 con Ratatouille e en 2010 con Up) vai tentar fortuna nunha longametraxe.

Giacchino debutará coma director nas pantallas grandes co remake do clásico filme de ciéncia-ficción de 1954 Them! para a Warner Bros. Pictures.

Gordon Douglas dirixiu a película orixinal na que un niño de formigas no deserto de New Mexico fai-se xigantesco despois de ser irradiado polas explosións de probas nucleares. As formigas convérten-se nunha ameaza nacional cando dúas raíñas escapan para establecer novas colónias e remata cun enfrontamento nos sumidoiros de Los Angeles.

O filme constituíu na súa época unha das primeiras longametraxes de “monstros nucleares” e de “grandes bichos” dos anos 50, e deu lugar a imitacións coma Tarantula ou mais a orixinal The Fly, pero os guións con monstros mutantes nunca desapareceron totalmente das carteleiras, con exemplos a salientar coma Aracnophobia, Kingdom of the Spiders, Eight-Legged Freaks, Empire of the Ants, e outros seres noxentos de mais de catro patas.

Segundo Giacchino, a versión actual de Them! tratará da inmigración dende o punto de vista dunha “demencial película de monstros de ciéncia-ficción“. Nestes intres está a manter xuntanzas con guionistas co obxectivo de comezar a produción en canto sexa posíbel.

Para este filme, Giacchino ten previsto compoñer a banda sonora orixinal e contará ademais na produción coa participación de seu irmán Anthony.