A secuela de The Sea Beast, a aclamada película de debuxos animados de aventuras de capa e espada da Netflix, está xa en marcha e Chris Williams volverá para dirixi-la.
A primeira entrega, que foi moi ben recibida pola crítica e que mesmo conta cunha versión dubrada ao galego, é o segundo filme que mais tempo ficou na lista dos dez mais visto da Netflix en 2022, sete semanas, só por atrás de The Adam Project, con oito.
Aínda arestora, seis meses despois da estrea, continúa a ser unha das mais vistas do servizo de streaming, polo que non é de estrañar que Williams, un veterán da Disney, onde dirixiu Big Hero 6 e Moana, asinara un acordo coa Netflix a finais do ano pasado. No acordo inclúe-se xa a secuela de The Sea Beast e mais outra longametraxe orixinal tamén de xénero fantástico.
Na secuela veremos o regreso do cazador de monstros Jacob Holland e á súa filla adoptiva, Maisie Brumble. O filme explorará os desafíos da nova família, e segundo Williams, “será semellante a Sea Beast no senso de que creará un mundo completamente cohesionado. No tocantes ao tón, estará entre Lord of the Rings e Princess Bride“.
Williams engadiu que está a desenvolver os seus dous novos proxectos simultaneamente, aínda que isto non era o que pretendía, “simplemente aconteceu“. Os executivos da Netflix deixarán-lle decidir cal quere producir primeiro.