Alxubes e Dragóns na Paramount+

73

A Paramount+ ven de encargar a produción dunha série de oito episódios para adaptar á pequena pantalla a popular franquía de xogos de rol Dungeons & Dragons.

O responsábel de Red Notice, Rawson Marshall Thurber, escribiu o guión do piloto e será o director do primeiro episódio. A eOne e mais a Paramount Pictures están atrás do proxecto, cuxos dereitos adquiriron o pasado mes de novembro.

A série finalmente aterrou na Paramount Pictures, que xa se asociara coa eOne para produciren conxuntamente a vindeira longametraxe de Jonathan Goldstein e John Francis Daley Dungeons & Dragons: Honor Among Thieves, a estrear o 26 de maio.

Esta versión para a tele unirá-se a outra série baseada nun xogo, Halo, no servizo de streaming da Paramount+, onde xa teñen plans de espremer a franquía todo o posíbel, incluíndo programas en directo, sen guión, e realities.

O xogo orixinal, que data dos anos 70, é un xogo de rol de mesa de fantasía, con elfos, orcos e outros seres fantásticos que loitan batallas e buscan tesouros. O sistema orixinal vendeu mais de 50 millóns de cópias e é enormemente popular en todo o mundo.