Os plans da Sony para o Tigre Acachoupado

89

O guionista e produtor Jason Ning (Lucifer, The Expanse) ven de asinar un acordo coa Sony Pictures Television e está a traballar nunha série de televisión que adaptará Tigre acachoupado, dragón oculto e mais as outras catro novelas vencelladas que compoñen a Pentaloxía de Ferro do escritor Wang Dulu.

Publicados entre 1938 e 1944, os cinco libros narran a história de catro xeracións de Youxia, unha antiga caste de guerreiros chineses. En orde cronolóxica, son A grúa sobresalta a Kunlun, Espada Preciosa, Forca de Ouro, Forza de Espada, Brillo de Perla, Tigre acachoupado, dragón oculto, e Cabaleiro de Ferro, Vaso de Prata.

A saga foi anteriormente adaptada á televisión, ao cómic e mais ao cinema, onde por suposto cómpre salientar a famosa e altamente exitosa película de Ang Lee Crouching Tiger, Hidden Dragon, estreada en 2000 e protagonizada por Michelle Yeoh, Chow Yun-Fat e Zhang Ziyi. Este filme, aínda que leva o título da cuarta novela, utiliza elementos de todos os outros libros da série.

A Sony xa distribuíu o filme de 2000 e hai pouco volveu-se facer cos dereitos da propriedade grazas a un acordo de primeiro lance coa Vertigo. Roy Lee, Miri Yoon e Johnny Levin serán os produtores executivos xunto a Ning, quen nestes intres está ocupado traballando con Angela Kang en Silk: Spider Society, a primeira série do Universo Marvel que estreará a Amazon Prime Video.